Opinión

É política? Si

“A política é o arte de buscar problemas, encontralos, facer un diagnóstico falso e aplicar despois os remedios equivocados”. Groucho Marx, actor e cómico norteamericano.

Cando as persoas que se dedican á “cousa pública” quedan sen argumentos sempre lle reprochan aos que teñen iniciativas que non concordan coas súas “que están facendo política”. E como dicía Charles de Gaulle, primeiro ministro de Francia entre 1944 e 1946: “Cheguei á conclusión de que a política é demasiado seria para deixala en mans dos políticos”.

Na Administración sanitaria da Galiza, nos últimos 13 anos, Feijoo e agora Rueda (de reposto) afánanse en querer desprestixiar entidades como a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, dicindo que “facemos política”. Cando se produciu o Movemento do 15-M, tamén dicían: “Que se presenten ás eleccións para facer política”... así fixeron e o bipartidismo tremeu. 

Cando as administradoras e os administradores do PP deciden que para acudir ao centro de saúde terán listas de agarda de 15-21 días (incluso para demandas telefónicas) iso é política. Cando deciden que non se poida pedir interconsulta co especialista directamente e teñamos unha lista de agarda para entrar na lista de agarda, iso é política. Cando din que van a chamar 75.000 persoas que nos últimos seis meses non foron ao médico, saturando máis as consultas xa colapsadas de Atención Primaria, iso é política. Cando lle botas a culpa ao Goberno central de que “non temos médicas e médicos” e ti convocas 106 prazas, iso é política. Cando se presentan 353 e quedan médicas ou médicos fóra que ti non contratas, iso é política. Cando non convocas as 1.000 prazas de médicas e médicos que fan falta, iso é política... e a pregunta que todas e todos nos facemos: Cando se fará política para beneficiar os cidadáns? Por que todas as medidas que se toman sempre van en contra do pensar xeneralizado que é conservar o ben máis prezado que temos: sanidade pública?

De verdade, gañar as eleccións dá potestade para facer o que queira a administradora ou administrador de quenda? Estaba no programa “non contratar” as e os profesionais que fan falta para dar un servizo determinado? Votaría a xente eses políticos que non din previamente o que van facer se chegan o poder? Políticas e políticos que fan o que está no seu ideario ideolóxico e non no seu “programa electoral”? Acaso a xente que os votou quería que se tomasen as medidas que se están tomando en materia sanitaria, educativa, na industria, servizos sociais, na pesca, no agro, etc.? 11.000 millóns de euros en 2022 de orzamento na Galiza (para o ano 2023: 12.200 millóns de euros) non dan para resolver os problemas máis acuciantes que ten este país?

Dende diferentes entidades estamos intentando cambiar a política que desenvolve o PP e que vai en contra da cidadanía... e o só feito de formular unha modificación leva consigo o intento de deslexitimación por parte de quen nos goberna na Galiza. É política ou non é política querer mellorar a vida das persoas? Ter un novo modelo de Atención Primaria é prioritario para este país. Que non coincide coas ansias privatizadoras do PP? Si. Que non imos rendernos e seguiremos apostando pola vía do diálogo e a presión na rúa, no Parlamento, nos Concellos, Deputacións, Valedoría do Pobo, Xustiza, etc? Tamén.

A última ocorrencia do PP está en atacar o Goberno central por non facer “un MIR extraordinario”, sabendo que o PP na Galiza non ten unidades docentes suficientes para aumentar o número de licenciadas e licenciados que podan facer as prácticas de MIR (e que saben que nunca tivemos tantas prazas MIR como nos últimos anos... en que non gobernou o PP…). 

Menten máis que falan... e si, seguiremos facendo política para que saiban que non poden facer o que lles dá a gana. Que a cidadanía vota cada catro anos coa intención de mellorar a calidade de vida, sobre todo en servizos públicos tan básicos como a sanidade. Acordémonos á hora de votar, que non lles damos un cheque en branco e que van á política para servirnos e non para medrar elas e eles e os seus acólitos. Depende de nós!

Comentarios