Opinión

De éxito en éxito, ata o fracaso final!

"Non fracasei, encontrei 10.000 solucións que non funcionan"
Thomas Alva Edison, inventor e empresario estadounidense, 1847-1931.

Nos últimos días estamos asistindo a un cúmulo de despropósitos por parte do Sergas, que teñen a súa culminación en dúas sentenzas do TSXG que poñen en cuestión a política de Feijóo e Rueda, que nos indican claramente que ou se cambia de rumbo ou o desmantelamento da Atención Primaria (AP) é irreversible.

O TSXG condena a Xunta por "vulnerar dereitos do persoal médico en AP e Pediatría por non respectar a normativa vixente para garantir a integridade pública e a saúde das profesionais". O sindicato O´Mega presentou a demanda para denunciar "a desproporcionada carga de traballo á que o Sergas somete as e os seus traballadores".

Á vez, o TSXG, "anula e deixa sen efecto a instrución do Sergas que permitía renovar receitas a farmacéuticos" e "condena a Xunta a aboar as costas o Consello Galego de Colexios Médicos".

Está claro que a política sanitaria pasa por "ocorrencias" que dende logo non tratan de mellorar a asistencia, senón que van de "éxito en éxito ata o fracaso final", que será o empeoramento do sistema sanitario público de forma irreversible, por culpa do PP!

Profesionais sanitarios están dimitindo, outros están non prorrogando o seu traballo ao chegar á xubilación, os colexios médicos manifestan o seu malestar

A política de "fuxida cara adiante", sen pés nin cabeza, é unha estratexia para desmantelar un sistema sanitario que cada día está máis precarizado e respondendo ás demandas da poboación grazas ao voluntarismo das profesionais para poder dar unha asistencia exclusivamente clínica, sen poder facer labor de prevención, promoción da saúde, investigación, formación e nada que non teña que ver coa asistencia directa a demanda de cada día.

Con consultas de 40-50 doentes diarios de forma continuada, é moi difícil xestionar con boa praxe a demanda de cada día. Compañeiras e compañeiros que están como médicos ou pediatras substitutos, que hoxe están aquí e mañá acolá, que traballan por horas cando van estar días, por días cando van estar semanas, semanas cando a baixa é de longa duración... a atención de calidade que se necesita é moi difícil de facer. Ademais, o salario base dun médico do Sergas é de 1.256 euros, que se non fose polos complementos, non se chegaría a unha remuneración acorde co tempo e o esforzo que se precisa para poder traballar no sistema. Teñen que aprobar o MIR, sistema de calidade máxima, recoñecido en todos os países do noso contorno. Estes sistemas sanitarios alleos, só teñen que poñer unha persoa tradutora durante seis meses, e xa teñen un ou unha profesional de primeirísimo nivel, e sen gastar un euro! Sabemos que formar un médico custa 300.000 euros e non recibimos os froitos dese investimento, que si os reciben lugares que prestixian a profesión, dan un salario digno e unha estabilidade. E iso facilita que se incorporen profesionais sen ningún esforzo económico.

As listas de agarda son o principal motivo de queixa das doentes. Están a aumentar día a día, por moito que o conselleiro de Sanidade repita a mentira e queira maquillala: non incorporan a lista de agarda non estrutural de pacientes que están no limbo de "ya los llamaremos". 360.000 persoas están en lista de agarda na Galiza, o 13% da poboación galega!

Galiza é a cuarta comunidade do Estado onde menos se inviste en sanidade por habitante. O gasto fica en 1.691 euros ao ano por persoa, o que supón 37 euros por baixo da media estatal (1.728), segundo os últimos datos da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal... e 321 euros menos que Euskadi!

Profesionais sanitarios están dimitindo, outros están non prorrogando o seu traballo ao chegar á xubilación, os colexios médicos manifestan o seu malestar, as organizacións científicas e profesionais non ven reflectidas as súas reivindicacións, sindicatos e partidos políticos exprésano e plataformas sanitarias maniféstanse día si e día tamén.

Que máis ten que pasar para que cambie a política sanitaria na Galiza? O 12 de febreiro do 2023 dirémolo na rúas de Compostela, de novo!

Comentarios