venres 25/09/20

Non vai ver a primavera

Que me dea licenza Roi Vila para extraer de Of trash and Men, artigo publicado neste medio, estas palabras, que falan da "..... categoría de xornalistas que por algún motivo que (...) se me escapa conseguen amosar máis empatía polo sufrimento de obxectos, que polo dos seres vivos".

Que me dea licenza Roi Vila para extraer de Of trash and Men, artigo publicado neste medio, estas palabras, que falan da "..... categoría de xornalistas que por algún motivo que (...) se me escapa conseguen amosar máis empatía polo sufrimento de obxectos, que polo dos seres vivos".

"Morreu na súa cela de Puerto de Santa María, onde estaba en réxime de incomunicación, a máis de mil quilómetros da súa familia. Tiña 36 anos".

Roi Vila trata do Gamonal de Burgos, da visión da prensa, moi preocupada pola sorte dos contedores de lixo e pola integridade dos caixeiros bancarios nas pacíficas e multitudinarias manifestacións da maioría da poboación daquel antigo concello de Burgos, que protestaba contra arbitrariedades municipais. No mesmo artigo di o autor: "Non os oio empregar os mesmos adxectivos cando se refiren a aqueles que permiten que persoas vivas con capacidade de sentir a doenza e sufrir a mesma dor ca eles, non dispoñan dunha cobertura enerxética en inverno".

Pensei neste artigo hoxe, cando procuraba na prensa información sobre da morte na súa cela dun preso vasco, Arkaiz Bellón, condenado a 13 anos de prisión porque a autoridade xudicial competente considerou probado que atentara contra obxectos dun xeito terrorista. O preso tiña que saír en liberdade nesta primavera que non vai ver, coa condena íntegra cumprida. Pasou este mozo 12 anos e 8 meses na cadea, co castigo engadido de estar en todo momento afastado da súa contorna, sempre lonxe de Euskadi. Morreu na súa cela de Puerto de Santa María, onde estaba en réxime de incomunicación, a máis de mil quilómetros da súa familia. Tiña 36 anos. Desde os seus 23 anos non puido ver a rúa, nin cheirar un recendo húmido do Zumelegi, o río que atravesa o seu monumental Elorrio natal.

"Os xornais de máis tirada, que non vou citar pois coñecémolos ben todos e todas, non lle dedican nin unha liña a este feito".

Pensei no artigo porque, ao saber a nova, mirei a prensa do Estado Español do día seguinte á morte, neste atemporalado día 6 de febreiro de 2014. Até onde puiden ver, a nova recóllea o Diario Vasco, sae en Público, tamén en Gara, trátase dela no portal catalán Vilaweb, está en Sermos Galiza, e por suposto en varias páxinas da chamada prensa alternativa, tan necesaria para termos algunha información.

Os xornais de máis tirada, que non vou citar pois coñecémolos ben todos e todas, non lle dedican nin unha liña a este feito. A axencia Europa Press mantén na primeira plana dixital do seu apartado nacional novas relacionadas coa declaración de Cristina de Borbón, imputada no caso NOOS. Nas páxinas de Euskadi non se dá a nova da morte de Arkaiz, pero andando o día, xa pola tarde, recolle que organizacións varias da súa terra vasca chaman a mobilizarse contra a política penitenciaria, á que culpan da morte do preso. Pola mañá, esta axencia publicaba a nova dun accidente de tráfico que causou a morte dunha muller en Euskadi.

Deixo para a lectora, para o lector, as consideracións sobre a sensibilidade e o savoir faire desta prensa oficial española. Podería poñerme a falar a seguir de liberdade de expresión e da democracia que defende esta prensa, pero prefiro pechar estas liñas de urxencia co meu máis sentido pésame á familia, a todos e todas as amigas deste mozo vasco, outra vítima da lexislación e política antiterroristas vixentes entre nós.

Xosé Luís Santos Cabanas,
6 de febreiro de 2014

comentarios