Opinión

E agora?

Si, a situación é realmente crítica, esmagadora. A folga do transporte está a ferirnos fondamente no económico e no social. No sector primario a ferida é mortal de necesidade como non se reaccione. Dez días de caos son moitos días. Os gobernos ausentes.  O do estado, coma se nada acontecera, impasible. O outro con reunións e cartas de peticións a Madrid coma se nada mandara aquí. E tirando leite. E os xatos na corte. Os matadoiros cercados e pechados. E o porcino e o avícola coa alimentación pendente dun fío. E todos negociando por libre... si, por libre. 

Mais o problema viña de atrás, e os delirios de Putin só conseguiron agravalos. Porque a extorsión das eléctricas, a suba dos combustibles, o prezo dos fertilizantes, os cereais... xa estaban aí apertando os sectores leiteiro e cárnico. E a Consellería negándose a intervir, negando competencias, negando goberno. Negando.

Déranlle outra volta en Madrid á Lei da Cadea Alimentaria. Nada novo. Unha vez máis non foron quen para dotala de mecanismos que marquen custes de produción de referencia para que Industria e Distribución paguen por riba deses custes e os sectores produtivos teñan algún futuro. Non houbo valor político. E van xa oito ou nove reformas. E os lobbies pesan moito, e a Distribución manda. 

E sempre a volatilidade dos prezos dos insumos coma ameaza. Galicia importa 1,82 millóns de toneladas de cereais-grao para concentrados cando a produción total de cereal no País só cubriría o 9% desta cantidade. En materias primas proteicas a dependencia é do 100%.

Pois vai ser que o problema ten máis de estrutural ca doutra cousa. É razoable que Galicia teña a súa SAU (Superficie Agraria Útil) a 3.000 quilómetros na Ucraína ou a 7.000 en América para poder alimentar o seu gando? É razoable que Galicia, con ancestral vocación e aptitude agrogandeira teña unha superficie de cultivos de menos do 13% da superficie total? Cos pastos anda nun 21%.
España no 51%.

Dende sempre o nacionalismo galego entendeu que a soberanía alimentaria era un dereito e un deber en todo país sensato. Que foi das comarcas cerealistas galegas antano cubertas de mares de pan hoxe a toxo e silvas? A que veñen esas 150 ou 200.000 hectáreas abandonadas. A quen beneficia esta situación?

E, Sr. Conselleiro, se saísen dese estado contemplativo e meditabundo en que levan sumidos case 13 anos e tomasen medidas de longo alcance encamiñadas a dotar de base territorial as explotacións,  a potenciar forraxes e pastos, e a cultivar cereais e alimentos, horta en xeral para dotar de soberanía alimentaria este noso ben dito país?

Estamos a tempo, nunca é tarde. Un goberno nunca debe tirar a toalla no seu labor de defensa dos intereses da cidadanía. Vostedes hai tempo que o fixeron. As competencias en agricultura e gandaría son nosas. Non vale botarlle as culpas ao goberno do estado. Iso chámase covardía política.

E niso andan.

E diso falamos. 

Comentarios