Opinión

Perdemos a consistencia

Galiza precisa dun cambio de dirección na vida política e en tantas outras concomitancias. Son os electores os que poden producir esa mudanza tan necesaria. Galiza é un país que debe mobilizar cambios de rumbo para normalizar, a grosso modo, unha modernidade inspirada no seu propio contexto e talento. Unha esixencia que desbote paternalismos e prepotencias institucionalizadas, que tantas veces esgazaron o corpus de tantos proxectos e programas, capaces de habilitar a Galiza nunha nova clareira de ideas e ilusións, para ollar luces de futuro que fulminen as tebras anquilosadas do pasado, que aínda permanecen en tantas instancias viciosas dun poder fraudulento que causan estragos e medorentos pesadelos na cidadanía.

A pregunta do título desta columna é un bocado conspirativa: “Perdemos a consistencia?” Pois non. Práceme este substantivo evocador que personaliza calidade, fortaleza e solidez. Tres substantivos fundamentais que destacan tres actitudes capaces de fortalecer un estado de opinión para realizar políticas sen renuncia e mantendo un posicionamento de referencia ética e estética, ben diferentes á que estábamos acostumados a observar. Para isto é preciso un gran debate de integración na sociedade galega. Hai que desterrar da acción política ese populismo de barateira que creou unha acción marxinal, un minifundio cultural e un falso artificio social, que é obrigado desterralo por medio dun debate sincero e cohesionado aos sectores mais discriminados da nosa sociedade. A modernidade expresiva de Galiza comeza por aquí. Non podemos esquecer que aínda estamos dentro duns parámetros dunha sociedade agraria en descomposición e uns desfases sociais de gran importancia pola derrota que percibimos.

Por outra banda está a recomposición da nosa identidade diferencial e dun progreso na que se teña en conta as materias primas, rompendo coa dependencia que nos xungue a ese totalitarismo foráneo que explora esas materias primas. Neste caso, é urxente normalizar o país, por medio dun grande esforzo institucional que englobe unha sensíbel participación cidadán. Agora chegou o momento de “petar na alma do pobo” e crear conciencia para fortalecer a nosa idiosincrasia, como manifestou Castelao. É urxente acordar dese sono e retomar o camiño da esperanza, tantos anos perdido e esquecido dos que gobernan. O pobo galego ten unha enorme capacidade de consistencia e mobilidade para despexar do camiño eses atrancos que nos impide andar por el.

Galiza, sen dúbida, ten que normalizar a nosa lingua en todos os estamentos sociais, prioritariamente nas institucións. O noso idioma é o máximo atributo que temos os galegos, sen el seríamos calquera cousa menos galegos. Normalizar o idioma pasa por  normalizar á cidadanía e, tamén,  restituír a nación. Precisamos de moita xenerosidade e  dun certo modelo de moderación para entendernos. Os avances que se fagan en Galiza, a partir de que o eco nacionalista  desbote políticas do pasado e constrúa canles progresistas que dinamicen o país. Porque aínda non perdemos a consistencia. Mesmo, como dixo Nicolás Guillén, nestes versos: “Así hemos de ir andando, / severamente andando, / envueltos en el día que nace”.