Opinión

Falan os novos rumbos

Hai razóns moi sensíbeis para consideralas como pragmáticas, cando falamos de destacadas prioridades que nos levan a esa pertenza de mudar de ámbitos e de rumbos. Son necesarios novos rumbos que postulen mudanzas en favor dos que carecen dunha vida sustentábel, cohesionada coa dignidade individual e colectiva das persoas vulnerábeis. Que sexa capaz de alterar ese inmobilismo; ese tal fantasma que percorre o universo, manipulando e ferindo a seres continuamente destruídos pola falta de alimentos básicos, como é un posto de traballo remunerado, unha educación pública e unha sanidade gratuíta. Tres elementos irredutíbeis para que as persoas poidan sentirse dignificadas. Sen esas mínimas garantías persoais, o inmobilismo político e social non deixa de ser castrador e portador de pobreza, producindo efectos moi negativos. Así é o mapa xeográfico por onde ese fantasma impón seus omnímodos dominios, fracturando convivencias e negando dignidade, mesmo, convertendo ás persoas en seres vexetativos.

Máis en todos estes dilemas e derrotas, emerxen voces, actitudes, solidariedades, ímpetos, proclamas e compromisos que demandan e falan de novos rumbos solidarios. É fácil comprobar os temores das clases dominantes e partidos políticos subordinados a eses poderes, en perder seus feudos e dominios, fronte a tantos designios que falan de novos rumbos democráticos, nos que se intente recuperar dereitos perdidos ou secuestrados, como son os laborais, os sanitarios, a educación pública e a vivenda. Investir para que esa mocidade, intelectualmente preparada, non emigre, entre tantos outros programas que restitúan recursos para que a nosa sociedade active elementos progresistas que actualmente veñen sendo negados.

Con pragmatismo falan os novos rumbos, dun país que se debate dolorosamente nas alteracións propiciadas por horrorosas políticas que crearon desasosego no que respecta a servicios sociais, que son a prioridade do que demanda a cidadanía, nas extensas manifestacións sobre a sanidade, a educación e outros problemas de primeira necesidade para corrixir tantos desarranxos producidos nesta longa etapa de desgobernos. Galiza non merece eses esperpentos que proceden de persoeiros pasmados que se esconden nos  venerados cortellos da incompetencia; ou detrás da súa soberbia ou da ousada covardía.

A pasada campaña electoral deu visibilidade a tantas desconxunturas e desmesuradas  hipocrisías e contradicións, que ao bo catador resúltanlle verificar tantas miserias que se expuxeron en debate. Os verdadeiros responsábeis desas políticas non responderon, evadiron expostas realidades co silencio. Os tempos son chegados, indicou o poeta, e os novos rumbos producirán mudanza nun panorama moi sombrío e decadente. As definicións estiveron ben apousentadas nese debate que os tele videntes tiveron a grata ocasión de verificar o estado das incompetencias e, tamén, das futuras e pragmáticas competencias que precisa o noso país.

Comentarios