Opinión

Horas baixas dunha esquerda debilitada

Fan políticas que din de centro –en realidade e coa crise, cada vez máis de dereitas– por aquilo de ampliar a súa base electoral, orixinalmente obreira e de esquerdas, pero ás veces váiselles a man e o que gañan pola terra de ninguén (o electorado moderado, que se di, ese que oscila entre tirios e troianos segundo a presión fiscal e a capacidade de sedución dos líderes, e algunha vez ate segundo os niveis de corrupción) non compensa o que perden polo flanco esquerdo. Antes, cando non eran tan de centro, podían practicar certo tipo de chantaxe ao gran capital sinalando a alternativa soviética, pero cando rematou o proceso dexenerativo da gran revolución ao monstro burocrático co final apoteótico da democracia mafiosa, só poden chantaxear aos electores de esquerdas.

Fan políticas que din de centro –en realidade e coa crise, cada vez máis de dereitas– por aquilo de ampliar a súa base electoral, orixinalmente obreira e de esquerdas, pero ás veces váiselles a man e o que gañan pola terra de ninguén (o electorado moderado, que se di, ese que oscila entre tirios e troianos segundo a presión fiscal e a capacidade de sedución dos líderes, e algunha vez ate segundo os niveis de corrupción) non compensa o que perden polo flanco esquerdo. Antes, cando non eran tan de centro, podían practicar certo tipo de chantaxe ao gran capital sinalando a alternativa soviética, pero cando rematou o proceso dexenerativo da gran revolución ao monstro burocrático co final apoteótico da democracia mafiosa, só poden chantaxear aos electores de esquerdas. Obríganlles a votarlles para impedir que goberne a dereita, pero cada vez poden distinguirse menos da dereita na forma de exercer o poder e, sobre todo, na política económica.

"Obríganlles a votarlles para impedir que goberne a dereita, pero cada vez poden distinguirse menos da dereita na forma de exercer o poder e, sobre todo, na política económica".

E aínda nalgúns países como España –onde a dereita segue a atender sermóns como os de Rouco– quédalles a posibilidade de certa política laica en materia de moral e costumes, pero noutros países europeos, nos que a dereita se sacudiu a caspa de moralina (aínda que en Francia empezan a recuperar as casullas), non contan con esa referencia e someten igual aos seus electores de esquerdas á chantaxe moral de sentirse culpábeis de que goberne a dereita se non os votan a eles. Pero, ás veces, como dicía antes, se lles vai a man de máis e hai quen non o soporta. Sen esquecer aos desconcertados que rematan por caer nas redes populistas de racistas e xenófobos, nin aos despechados que prefiren votar ao orixinal de dereitas, os máis fartos destes xogos de dubidoso pragmatismo deciden quedarse en casa. 

Cando lles chega algún varapau especialmente rechamante, algún líder declara solemne que toma nota do aviso e a continuación nomea a un ministro de Economía da fracción liberal ou coloca de primeiro ministro a un político populista, fogueado na expulsión de xitanos desde a carteira de Interior, non se sabe se para rematar de decepcionar aos electores de esquerda que aínda lles seguen votando ou para lanzarse directamente a captar ao electorado de dereita e, se cadra, até de extrema dereita. Despoxada de coartada tras a simbólica caída do muro de Berlín, debilitada por terceiras vías enganosas, afogada nesta marea neoliberal estreitamente condicionada polo poder financeiro,  a socialdemocracia europea vive horas baixas. O último episodio, o do grave retroceso nas eleccións locais francesas, que confirma a caída libre de Hollande, que hai dous anos, cando foi elixido presidente da República, concitara as esperanzas dos sectores progresistas de toda Europa, que pensaron inxenuamente que exercería de contrapeso á rixidez austericida do goberno alemán.

"Cos niveis de desigualdade absolutamente disparados, podería haber terreo abonado para novas reivindicacións e novas propostas"

O resto das esquerdas tampouco vive horas altas, porque xa parte dunha maior debilidade electoral. A chamada desafección cidadá con respecto aos políticos tampouco axuda. Por enriba, os fanáticos da austeridade pública poden estar a punto de conseguir os seus obxectivos, que presentan como un éxito de recuperación sobre as depauperadas costas de cidadáns desmoralizados. Claro que, cos niveis de desigualdade absolutamente disparados, podería haber terreo abonado para novas reivindicacións e novas propostas que deberían reconducir e revitalizar os vellos principios de liberdade, xustiza e solidariedade. 

Comentarios