domingo 28/11/21

Quérote canto

Asistimos nesta obra a unha experiencia de recollemento e comuñón da palabra poética a través da procura do latexar do silencio. Para concibiren a creación entrambos poetas, Eva Veiga e Baldo Ramos, experimentaron, de xeito simultáneo, o retiro espiritual no seo das dependencias do mosteiro de Oseira.

A compartida dialéctica da reclusión se callar alentase a arela, formulada por Octavio Paz en El laberinto de la soledad, da procura dun intre de vida plena no que entón establecer un pacto entre esplendor e ocaso, entre tempo e eternidade.

Na mudez do illamento, coma o eco impronunciábel do oratorio que profesa a quietude, é a cadencia do quiasmo a que forza o segredo e reforza a interrogante: “límite da conciencia / ou conciencia do límite?”.

Eis a interpretación do título. Un sintagma que enxalza a intensidade dunha voz que ecoa na inmensidade coma a proxección da caverna nas paredes do vello edificio da historia. A voz que emerxe na contemplación do vagar e que se disolve harmónica na coralidade da entoación do ofertorio da salmodia.

Non se trata da confusión de acentos que compiten en nota discordante por ergueren a pregaria senón máis ben dunha fusión de autoría na que a resultante é o todo en conxunción coa natureza: “aniñan os estorniños nas bóvedas destes versos / escoitan no interior da cegueira”.

A arela de “desentrañar o baleiro” transita na “existencia en procura / doutras formas de soidade”. O desprendemento dos accesorios da continxencia instala a cadencia da voz nunha dimensión cósmica “que o tempo transforma de novo / en brisa ameneiro prata ou tremor”.

É precisamente a voz poética a que formula, coa cautela da incerteza, o auténtico valor da confesión: “—vimos aquí na arela dunha escrita-lugar / de onde sermos expulsados—“.

A expresión do paradoxo establece a dicotomía da desposesión: “o que me pertence é como un cuarto baleiro que / me obriga a saír // o que non me pertence é un lugar deshabitado que / me obriga a entrar”.

Ao “pregar as ás até o silencio / até as marxes loucas do imposible” é cando, dende o interior, a linguaxe se volve un corpo transparente. É “a palabra // a que vén sen esperala / nos dedos da noite / prender a luz”.

Entón, ao “escribir como quen non teme a cegueira”, o transcendente resulta ser a interrogante e non ao revés, “desexando atoparse nese lugar afastado daqueles / que só procuran respostas”.

Mais talvez resulte insuficiente “crear un mundo habitable nas palabras // un mundo compartido que foi trazado / por dúas mans que non se tocan // dous baleiros que avanzan en paralelo”.

Xa que “non abonda aínda con saberse en extravío / na precisa e funcional arquitectura do tempo”. Porque no tránsito do poema hai tamén un espazo “onde a revelación non é luz / senón mudez”.

Quérote canto
comentarios