Opinión

A nena do abrigo de astracán

Un deses libros nos que se gorenta o gusto demorado pola lectura é A nena do abrigo de astracán, recente produción narrativa de Xabier Docampo, de fondo alento. Obra vagarosa na súa construción, o resultado é un produto literario que serve para botar luz nunha época marcada polas tebras.

A posta en escena lévase a cabo apenas transcorrido un decenio do masacre incivil que principiara a mediados do 36, no universo simbólico que constitúe a vila de Ribadaínsua. Un espazo de ficción onde se desenvolven uns dramáticos feitos, reais no denominador común do padecemento e da humillación de moita xente, de carne e óso, durante interminábeis décadas.

A propósito do espazo narrativo da historia, cómpre observar que é, en concreto, o propio lugar, a nomeada vila, a que se constitúe en protagonista e voz narradora do acontecido. Unha atinada e anovadora estratexia que semella servir de imprescindíbel elemento de enmarque para subliñar a frialdade dos afectos, coral e despersonalizadora, de toda unha época; de dominación, marcada, ao abeiro da orfandade, pola autarquía elemental da supervivencia da condición humana.

É, en concreto, o propio lugar, a nomeada vila, a que se constitúe en protagonista e voz narradora do acontecido. Unha atinada e anovadora estratexia

 

De aí que, no relato dos feitos, opere, a xeito de punto de fuga dunha irrespirábel atmosfera abafante, a recorrente presenza do sobrenatural —no fondo do espello ou no misterio dos faiados— no imaxinario popular, constrinxido pola ferinte coroa de espiñas do dogmatismo e da tamén implacábel intolerancia relixiosa. Ou asemade o contrapunto liberador, das modernas influencias culturais, representado na capacidade de evasión dunha realidade por completo hostil, que exerce o cinema na adolescente protagonista.

Así as cousas, a orde establecida imposta —non polos vencedores da guerra, no espazo galego, onde non houbo, senón polos executores da barbarie, que aquí tanto abondou— caracterizouse por unha realidade aparente, encubridora da mutilación, do medo ou da soidade, coma a impecábel estampa do retrato da cuberta.

Por baixo desta capa de maquillaxe dunha falsa imaxe pefecta, latexa o auténtico pulso encuberto do sangue do pobo

 

Mais, por baixo desta capa de maquillaxe dunha falsa imaxe pefecta, latexa o auténtico pulso encuberto do sangue do pobo. Sobre quen -coa potestade suma do amparo da lei humana e da lei divina- se exerce a máis absoluta crueldade. Manifesta en múltiples rostros marcados pola marxinación: como a submisión da muller, o roubo de crianzas, a educación fascista, a delación, a pederastia ou as enormes desigualdades sociais.

Un universo reducido de horizontes pechados no que a xente era condenada a base de pecados de pensamento, obra e omisión. No que a loucura vale para fuxir de tanta asfixiante censura. E no que, dende logo, a salvación xa se conseguía mediante a penicilina, iso si, só ao alcance dos que tiñan poder.

Comentarios