Opinión

Narrativa de continuidade

As últimas propostas narrativas de Marcos Calveiro teñen en común o feito de seren elos dun proxecto literario de máis duración que o que explicitan as páxinas de cada libro: Todos fomos e mais Curros & Holmes.

Ao que lle cabe aínda engadir a concomitancia de representaren senllos produtos aptos para o público adolescente. Polo cal, neste tempo de folgo estival, constitúen entrambos unha digna e diáfana posibilidade de gozar dos carreiros da intriga escrita na nosa lingua.

Quen xa coñecían os avatares e peripecias formulados en Todos somos hai xa logo unha década agora poden aclarar as interrogantes que ficaban sen desvelar. E asemade, no primeiro dos títulos citados, comprobar como se resolve unha pescuda policial que se mantivera en suspense.

Haber houbo algún docente que, neste curso pasado, realizou o exercicio de lle ofrecer en avaliacións diferentes ao seu alumnado de 2º ou 3º da ESO o reto de abordar unha pescuda criminal nas dúas fases do seu desenvolvemento: formulación –Todos somos– e resolución –Todos fomos–. A experiencia resultou, abofé, satisfactoria.

Unha trama que ademais dá pé para amosar, dende un enfoque actual e tendo como principais protagonistas dela a adolescencia, realidades cotiás das que decontino somos –no mellor dos casos– espectadores.

Este exercicio metaliterario está a suxerirlle a lectoras e lectores desta obra o mergullo na figura e obra do poeta de Celanova

omo a asignación de fondos públicos para o lavado de imaxe, o populismo e os discursos xenófobos, o sensacionalismo e o morbo mediático, en complementariedade coa exhibición impune de desgrazas alleas, o aumento dos índices de audiencia e a única preocupación empresarial polo incremento das contas de resultados.

Intención de continuidade presenta tamén Curros & Holmes, que inicia unha saga narrativa á que semella que o autor lle quere dar continuidade en próximas entregas.

Subtitulada No misterio d’ O Kapital, ambiéntase no universo londiniense de finais do século XIX. A intriga, que vai ser tamén o desencadeante da acción, está protagonizada por uns especiais personaxes que, curiosamente, están abandonando a idade adolescente.

Trátase, en primeiro termo, dun Curros mozo que foxe cara a aquelas terras dende o peirao da Coruña. E acompañándoo, mercé a un proverbial encontro na biblioteca do British Museum, un Sherlock Holmes que está a principiar os seus primeiros pasos na arte da dedución. Se ben aínda ha aparecer un terceiro e tamén singular protagonista que non é outro que o Karl Marx d' O Kapital aínda en proceso de elaboración.

E con tales vimbios construirase un cesto narrativo no que non escasean a pericia detectivesca nin as referencias a un convulso tempo político nin, dende logo, a referencialidade biográfica entretecida co discurso poético de quen se ha converter nun esgrevio escritor de noso.

Así é que, tal como o autor ten manifestado, como arela declarada deste exercicio metaliterario está a suxerirlle a lectoras e lectores desta obra o mergullo na figura e na obra do poeta de Celanova.

Territorio que, malia o afastamento, está decote presente no que el pensa: "na praza do Millo, no mosteiro de San Salvador, na corga de Sampil... E os versos xorden de novo no seu interior cunha forza que non é quen de controlar. O terrón, a aldeíña onde se nace e se medra, que aínda de lonxe parece que nos acena e aloumiña".

Na efectiva ambientación cosmopolita británica na que se desenvolve a esencia da narración emerxe a dialéctica sobre a concepción da verba 'progreso'. Contrapóndose, a ollos dun inquedo protagonista, os efectos tumultuosos da revolución industrial coa escuridade do mundo atrasado, miserábel e ignorante do que provén, dominado por caciques e cregos.

O texto permite achegarse tamén a conceptos básicos relativos á loita de clases, á desigual pugna entre oprimidos e opresores ou mesmo ao choque de realidades entre o mundo do proletariado e o do campesiñado.

Velaquí, logo, unhas propostas narrativas aptas para o común da poboación, de lectura doada e con aplicación didáctica para a xente máis nova. Sendo que, cada unha coa súa especificidade, pode constituír un libro de peto ao xeito para acompañar mellor o verán.

Comentarios