Opinión

Fondo político

Tanto O negociador, de Miguel Sande, coma Cando os lobos escoitaban a radio, de Pemón Bouzas, comparten abordaren unhas temáticas que afondan en senllos episodios decisivos na historia social do estado.

De aí que a perspectiva literaria contribúa a botar luz sobre unhas tramas de clara profundidade política, valéndose, en ambos os dous casos, dun exercicio de escrita no que non é alleo o enfoque pedagóxico.

Feito que contribúe a poder tomar conciencia dunhas realidades escuras, ignoradas, silenciadas ou descoñecidas. As cales, dende o ángulo do esquecemento, avantan na procura de novos lectores, ou de lectores novos, para dar que pensar.

As negociacións co grupo armado ETA son o pano que recrea o primeiro dos títulos. A estratexia da ficción que mantén a intriga aséntase na tensión creada ao fío das negociacións producidas en Alxer con representantes da seguridade, mentres se tentaba liberar a persoa que botou máis tempo secuestrada por aqueles.

Na ollada coa que se enxergan os feitos resultan significativos os planos temporais da narración. Un situado no pasado, que actualiza o intre mesmo do conflito que se formula. E outro, na mesma actualidade, que rescata do anonimato da senectude destacados protagonistas da organización armada que estiveran implicados.

A propósito destes, no intre de se produciren as negociacións, a omnisciencia da voz narradora realiza unha interesante esculca psicolóxica sobre os secuestradores -o voceiro e os seus axudantes-: "Sabía perfectamente que se decidían asasinar aquel home, el non podería evitalo. Iso molestábao; non pola vida da vítima, polo menosprezo cara a el. Aquela súa insignificancia. Os outros dous que o acompañaban, home e muller, cuns anos menos, non semellaban ter tanto problema; permanecían sempre calados, apenas facían algún comentario, murmurios, aínda que ela parecía sentenciar sempre ao final".

En Cando os lobos escoitaban a radio a acción retrotráese á metade do pasado século, período no que os derradeiros resistentes da guerrilla antifranquista loitaban contra o malfado do tempo que lles tocou padecer.

A Esperanza e traxedia dos escapados, como subtitulara Carlos Reigosa o seu texto ensaístico A agonía do león, inspirado na figura de Manuel Girón Bazán. Cuxo protagonismo nesta novela é máis que evidente, por canto se recrea, de xeito literaturizado, o ocaso desta agrupación guerrilleira que facía as súas incursións ao longo do territorio da bisbarra berciana, da serra de La Cabrera e do sueste de Galiza.

Nun complexo mosaico de actantes -no que non escasean, en aparencia, impensábeis colaboradores dos maquis, de representantes da igrexa ou cadros da benemérita- hai un elemento que adquire un valor singular nesta obra.

E este é o contrapunto de voces narradoras que se fan sentir no relato. Entre elas, a da tamén integrante da guerrilla, Alida González, canda a de gardas civís ou doutros membros da agrupación, coma Quico ou Zapico.

Se a traizón foi a que acabou coa vida do protagonista, na primeira metade de 1951, as circunstancias adversas do contexto sociopolítico ao remate da contenda mundial -a falla de apoio externo por parte dos vencedores-, foron as que determinaron o ocaso destes defensores da liberdade.

Véxase a elocuente e crúa sentenza expresada na voráxine dos estertores da resistencia: "Mais que podemos facer? Só temos tres opcións: buscar un enfrontamento que remate con todo, no que todos morramos como heroes esquecidos; pensar nunha saída que nos permita chegar a Francia, ou continuarmos coa nosa amargura e coa das nosas familias, e as dos que nos axudan a seguirmos queimando solas de alpargatas e botas polos montes, baixo as folerpas de neve, a chuvia ou un sol de xustiza, para finalmente non chegarmos a ningures".

Así é como estas narracións, O negociador ou Cando os lobos escoitaban a radio, nos propoñen un percurso polas beiras marcadas da historia para saírmos enriquecidos da viaxe. O único que cómpre é espirse de prexuízos e mergullarse nos respectivos universos, sabendo, de antemán, que o importante non é posuír a certeza da última palabra.

Comentarios