Opinión

Unha política exterior galega

Galicia precisa, como calquera outro país do mundo, dunha política exterior de seu. Unha política que sería desexábel estivese coordinada coas políticas exterior española e europea, mais que de ningún xeito pode agardar por elas. Porque Galicia non ten amigos nin inimigos. Ten  intereses económicos, empresariais e cuilturais que só se poden facer valer no mundo dende unha actuación exterior decidida. Doutro xeito non existiremos.

Galicia precisa, como calquera outro país do mundo, dunha política exterior de seu. Unha política que sería desexábel estivese coordinada coas políticas exterior española e europea, mais que de ningún xeito pode agardar por elas. Porque Galicia non ten amigos nin inimigos. Ten  intereses económicos, empresariais e culturais que só se poden facer valer no mundo dende unha actuación exterior decidida. Doutro xeito non existiremos.

"Galicia precisa, como calquera outro país do mundo, dunha política exterior de seu".

Para máis, Galicia conta con recursos importantes, para construir unha política exterior aquelada. A rede de Centros galegos no exterior,  a presenza dos seus descendentes nos sectores dirixentes da Arxentina e doutras repúblicas iberoamericanas, o camiño de Santiago e as relacións coa lusofonía  privilexian no mundo a presenza galega fronte outros países sen Estado europeos.

Unha aposta fundamental é a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), que integra ese Brasil que constitúe máis da metade da América Latina canda Portugal e algúns dos Estados máis dinámicos da nova Africa (Angola, Mozambique e Caboverde, xunto con Sao Tomé e Príncipe). 280 millóns de persoas, 100 veces a nosa poboación. Indonesia ven de se integrar a eito de observador. Que agardamos para facelo nós? Que explicación teñen o Presidente Feijóo e o Vicepresidente Rueda para non adherir este clube tan influínte?

"Unha aposta fundamental é a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), que integra ese Brasil que constitúe máis da metade da América Latina"

Outro vector fundamental é o resto de Iberoamérica. E, malia que tecnicamente a política europea non sexa política exterior, a presenza en Bruxelas, onde opera un importante “lobby” galego, é básica para os nosos intereses. É incríbel que a Fundación Galicia-Europa aguníe na inactividade, cando tantas son as necesidades de información e orientación para as nosas empresas, entidades sociais de Administracións Públicas no océano da burocracia europea.

Por falla dunha política exterior a xeito, Galicia está a perder moreas de cartos e de oportunidades. Non posicionamos a nosa tecnoloxía, a nosa cultura, o noso turismo. Non convertemos en realidades as nosas potencialidades e recursos. E, deste xeito, nin existimos nin existiremos.

Comentarios