Opinión

Outra vez Galicia ausente?

A Grande Recesión e a corrupción están a desfacer o sistema político-institucional nado despois da Constitución do 1978, principiando polo seu alicerce bipartidista. 

A Grande Recesión e a corrupción están a desfacer o sistema político-institucional nado despois da Constitución do 1978, principiando polo seu alicerce bipartidista. Dende unha visión ética ou xurídica a corrupción actual é igual de grave ca no 1995, mais dende unha visión política e sociolóxica a ruptura do pacto social xerada polos recurtes multiplicou o rexeitamento social, xunto coa vontade de grande parte da cidadanía de participar na defensa e  reconstrución do público.

"Terreo, pois, aboado a Podemos, que se afasta da esquerda radical anticapitalista para se instalar na centralidade e na transversalidade"

Neste contexto, é evidente xa que Rajoy é parte do problema dun PP enchoupado na corrupción e, xa que logo, non pode enfrontar a catarse da dereita española. Mentres que Sánchez tampouco a do PSOE pola súa dependencia do PSOE andaluz dos ERES e os vencellos socialistas coas grandes distribuidoras eléctricas e as construtoras-concesionarias do IBEX 35. Terreo, pois, aboado a Podemos, que se afasta da esquerda radical anticapitalista para se instalar na centralidade e na transversalidade, mentres Pablo Iglesias cuestiona parte do seu programa das europeas e refuga as cuestións que poden xerar discordancia nas súa bases, pois sabe-e acerta- que son tempos de pór diante a transparencia, a participación e a rexeneración dos valores políticos e sociais no canto de insistir en utopías antisistema.

"Ven de explicalo a xeito Anxo Quintana cando afirma que un  futuro Goberno español progresista actuaría, no que atinxe ás grandes cuestións da economía produtiva galega, do mesmo xeito ca os Gobernos de onte e hoxe".

Imos, entón, cara un tempo de rexeneración que enfrontará, quizais en poucos meses, un proceso constituínte. Onde Galicia estará ausente, senón  enfronta este proceso dende formulacións de noso. Ven de explicalo a xeito Anxo Quintana cando afirma que un  futuro Goberno español progresista actuaría, no que atinxe ás grandes cuestións da economía produtiva galega, do mesmo xeito ca os Gobernos de onte e hoxe. Porque Galicia só achega o 5% do PIB e o 6% da poboación e as bases económicas para nós  estratéxicas para España son prescindíbeis.

Hai oitenta anos xa se dixo que antes de Galicia estaba a República e hai trinta e cinco que primeiro era a democracia e despois o autogoberno.  Hoxendía tamén sería un gravísimo erro histórico priorizar a rexeneración democrática ao benestar da cidadanía galega, cando é posíbel enfrontar xuntos os dous obxectivos. 

Comentarios