Opinión

Feijóo dimite da súa responsabilidade

A Xunta agachou a mantenta o seu plan para a volta ás aulas de primaria, ESO e secundaria até celebradas as eleccións nacionais do 12-X nas que Feijóo anovou a súa maioría absoluta. Moi axiña, despois das mesmas, impuxo sen diálogo ningún cos sindicatos e asociacións de nais e pais un protocolo sinalado por non achegar financiamento adicional ningún, por non contratar significativamente persoal de reforzo e por lle trasladar a responsabilidade ás equipas directivas dos centros.

O importante empeoramento epidemiolóxico da área da Coruña, os abrochos noutras partes da Galicia e máis a tendencia xeral estatal e europea  de medre de casos e mesmo de xurdimento de focos de transmisión comunitaria obrigou á Xunta a pór en dúbida os termos do seu protocolo. Mais na semana última a presidenta rexional de Madrid, Díaz Ayuso e o conselleiro de Sanidade coincidiron en reclamar un protocolo estatal único para a volta ás aulas.

Só Galicia é competente para regular este caste de protocolos e normativas sanitario-educativas. O  que non quita para que dialogue na Conferencia Sectorial de Educación ou en calquera outro foro para recíproca información e para aproveitarmos das ideas doutros países e territorios que o poden facer mellor. Mais a responsabilidade é exclusiva da Xunta e os alicerces para adaptarmos as decisións acaídas han ser a propia situación epidemiolóxica galega, a nosa distribución poboacional, os medios e recursos dispoñíbeis e mesmo a nosa climatoloxía e pluviometría, radicalmente diferente da andaluza ou mediterránea.

Feijóo é campión mundial nas modalidades de lle botar a culpa aos outros e facer oposición da oposición. Dimitindo da súa responsabilidade agocha a súa propia inactividade -e mesmo incompetencia- no fornecemento dos medios precisos para a volta ás aulas. Mentres, pon o foco no Goberno do Estado a respecto das eventuais desfeitas que nos agardan nas primeiras semanas do curso académico. Como xa fixo o 14 de marzo, cando celebrou a implantación do-despois- malfadado Mando Único sanitario.

A reclamación dun protocolo único para a volta á escola está pensada tamén para o  desgaste adicional, no  medio prazo, do Goberno do Estado, requiríndoo para adoptaren medidas recentralizadoras. Medidas que lle haberían enfrontar coas presidentas socialistas de Nafarroa e les Illes e cos presidentes socialistas canario e do País Valenciá (que cogobernan cos nacionalistas e  soberanistas dos devanditos territorios). Sen contar co conflito co PNV, JuntsxCatalunya e ERC que gobernan Euskadi e Catalunya.

A fuxida das responsabilidades de Feijóo non habería agochar que mentres Galicia (2,7 M habitantes) vai contratar 240 novos traballadores públicos para a volta ás aulas, o País Valencià (5M habitantes) contratará 4.377. Na volta á escola, pois, cómpre ollar cara València, cando non cara  ás capitais escocesa e galesa Edinburgh e Cardiff, no canto de tanto ollar cara  Madrid.

E, por riba de todo, cómpre sermos responsábeis do noso e non lle botar a culpa aos demais.

Comentarios