Opinión

As derradeiras Deputacións?

As Deputacións Provinciais respostan á extensión no territorio da gobernanza do Estado centralista, dividido en provincias copiadas dos departamentos franceses que creou Napoleón I. Provincias que dividiron Galicia en “catro cachos coma a túnica de Cristo”, como dixo D. Manuel Murguía, mais que respostaban, tanto en Galicia como en Catalunya, a certa homoxeneidade poboacional, por volta de cadanseus 400.000 habitantes dos anos 30 do sèculo XIX.

As Deputacións Provinciais respostan á extensión no territorio da gobernanza do Estado centralista, dividido en provincias copiadas dos departamentos franceses que creou Napoleón I. Provincias que dividiron Galicia en “catro cachos coma a túnica de Cristo”, como dixo D. Manuel Murguía, mais que respostaban, tanto en Galicia como en Catalunya, a certa homoxeneidade poboacional, por volta de cadanseus 400.000 habitantes dos anos 30 do sèculo XIX.

"Galicia habería quitar canto menos a competencia exclusiva para definir o seu réxime local e a súa organización territorial sen inxerencias estatais". 

Semellaba evidente que estes entes non haberían sobrevivir á institucionalización da autonomía galega. De feito, no Estatuto do 1936 xa se prevía a súa desaparición. Mais o Goberno do Estado viu nas provincias a posibilidade dun contrapoder ás nacentes autonomías e recorreu a lei catalá que as suprimia, acadando do sempre procentralista Tribunal Constitucional a consagración das teses da garantía institucional das provincias e da competencia exclusiva do Estado sobre as bases do réxime local. Bases entendidas nun sentido extensivo e uniformador.

A recente contrarreforma local de Rajoy baseou nas Deputacións a súa estratexia para igualar por abaixo a prestación dos servizos públicos municipais e para facilitar unha privatización dos mesmos a prol de grandes grupos multinacionais ou radicados en Madrid. 

"Estas a elixiren en xuño poderían ser as derradeiras Deputacións provinciais. Non se preocupen. Ninguén, agás os que viven delas, haberá botalas a faltar".

Esta contrarreforma e a propria pervivencia destas estruturas caducas desafían o diktat da opinión pública, fronte á que estas Institucións amósanse deslexitimadas. Pois a súa é unha elección indirecta e pouco transparente, xa que non saberemos os candidatos de cadansúa opción política o día da elección local. Para máis, as Deputacións son unha catástrofe en termos de boa gobernanza. Só a rentes dun 20% dos seus orzamentos vai a fins de investimento público. O gasto corrente improdutivo domina a súa xestión.

Todo sinala que na seguinte lexislatura estatal se vai abrir, cando menos, unha limitada revisión constitucional, da que Galicia habería quitar canto menos a competencia exclusiva para definir o seu réxime local e a súa organización territorial sen inxerencias estatais. Velaí porque éstas a elixiren en xuño poderían ser as derradeiras Deputacións provinciais. Non se preocupen. Ninguén, agás os que viven delas, haberá botalas a faltar.

Comentarios