Opinión

O conto da Galicia dependente

As prioridades económicas do Estado español nunca son as galegas. E isto non é porque nos teñan mala lei, senón porque somos poucos (o 6% da poboación e o 5,5% do PIB estatais) e porque os nosos alicerces produtivos son para o Estado totalmente prescindíbeis. Velaí a necesidade dun amplo autogoberno e o prexudicial que é para este país a dependencia.

Nese contexto da dependencia, tivo un grandísimo suceso o mito de que somos un país subsidiado, de que vivimos da solidariedade do resto do Estado. E isto é un conto. No 2015 recadáronse neste País 12.750 M€ entre impostos estatais e cedidos á Xunta. O orzamento da Xunta só acadou os 8.436 M€. É verdade que o Estado tamén presta servizos en Galicia (policía, prestacións de desemprego…) pero estes non valen a diferenza. Por outra banda, só percebimos o 3,1% dos fondos locais no canto do 6% que nos cumpriría por poboación, xa que a lexislación de facendas locais española prioriza aos concellos de máis poboación. Perdemos aquí uns 550 M€ todos os anos.

No 2015 recadáronse neste País 12.750 M€ entre impostos estatais e cedidos á Xunta. O orzamento da Xunta só acadou os 8.436 M€. 

Polos teóricos do dependentismo recoñécense implicitamente estes números, mais sempre se opón a cuestión das pensións, dicindo que se non fose pola caixa única, Galicia non podería pagar as pensións. Mais no noso sistema o dereito a percebir unha pensión depende dos anos de cotización e das bases da mesma. Moitísimas persoas en Galicia perceben pensións devengadas en Suiza, Alemania ou Catalunya ás que teñen dereito polo traballo desenvolvido neses países. A cuestión das pensións é individual de cada persoa. A dos impostos é territorial.

E logo está o espolio enerxético. Somos produtores netos de enerxía e non podemos recadar impostos pola súa xeración nin beneficiarnos dos custos ambientais que sofrimos xerando a electricidade. A tarifa enerxética penaliza a produción e a industria e beneficia o consumo doméstico e terciario das macrópolis non produtoras, como Madrid. 

Tamén as infraestruturas se conciben a prol de Madrid como grande exportador de servizos que recentralizan financeira e empresarialmente o Estado. Billóns de euros investidos na radialidade, mentres os nosos portos carecen de conexión ferroviaria e non temos tren de proximidade.

Mal negocio o da dependencia.

Comentarios