Opinión

Aeroportos de Galicia

Unha vez máis fracasou a xuntanza do Comité de Coordinación aeroportuaria de Galicia


Unha vez máis fracasou a xuntanza do Comité de Coordinación aeroportuaria de Galicia, celebrada este día… en Madrid!! Desta volta o Presidente da Xunta preferiu atender á precampaña do PP cunha pomposa declaración institucional con cargo aos fondos públicos e non concorreu á súa responsabilidade de coordinar o noso mapa aeroportuario, que é unha ferramenta fundamental para a nosa economía.

O problema de base é o absurdo do réxime competencial aeroportuario. Na Europa, o sistema centralizado español da AENA é totalmente exótico. Os distintos aeroportos adoitan pertencer á competencia dos Gobernos autonómicos e/ou locais, que tentan asociar á sociedade civil de cadansúa contorna na xestión aeroportuaria. A única competencia esencial para garantir a unidade de mercado é a de controlar o tránsito aéreo, ao nível da Unión Europea. A xestión dos tres aeroportos galegos haberá transferirse á Xunta axiña despois das vindeiras eleccioóns xerais, como parte das reformas lexislativas precisas para blindar o noso autogoberno e frear a continua recentralización.

O problema de base é o absurdo do réxime competencial aeroportuario. Na Europa, o sistema centralizado español da AENA é totalmente exótico 

Mais con ser esencial a transferencia dos aeroportos á Xunta, de pouco valería se no futuro teimamos no centralizado esquema actual. A xestión dos aeroportos habería consorciarse entre a Xunta, os Gobernos locais e os axentes representativos da sociedade civil para garantir localmente servizos de calidade: aparcadoiros, wi-fi libre, handling…

E logo está a garantía da cooperación entre os tres aeroportos, no canto desa absurda competencia alentada por  Abel Caballero. Compostela ha ser o aeroporto internacional e turístico de Galicia e  A Coruña e Vigo especializarse na carga e nos vóos de negocios (onde hai que inserir ás conexións coruñesas a London-Heathrow e Lisboa e a viguesa a París). Mais esa especialización require dunha axeitada conectividade, que permita que todos poidamos acceder aos tres aeroportos, nomeadamente á Lavacolla, dende o resto do País de xeito cómodo e barato.

Velaí a necesidade dunha Xunta de Galicia que asuma as súas responsabilidades no canto de tanto ollar a Madrid.                 
      

Comentarios