Opinión

O salario dos nosos escritores

Hai anos lin unha crónica na Radio Galega que logo reproducín nos libros que as compilaron (“Caderno da Revolución Cultural” e “Felices e diferentes”). Alí calculaba que a hora de traballo en tempos mellores (de vendas, premios e difusión) me saía a 10 céntimos de Euro. Xa me contarán a que profesional van contratar por esa cantidade. Nin tan sequera un rapaz aceptaría facer un mandado por esa ridícula suma. Non lle alcanzaría nin para mercar un caramelo. 

A situación non mellorou, antes ben penso que está peor aínda que no século pasado. Non para todo o mundo, dirá algún mañoso con afán de molestar: eu coñezo unha ou un, tanto ten, que ben gaña o seu pan. Non llelo discuto, mais esa excepcionalidade é a que confirma a norma, e os argumentos, para ser aceptábeis, non se poden basear en particularidades. 

Hai pouco deuse á luz unha enquisa entre escritores galegos. Destacábase que só o 6% deles podían vivir da escrita (non sabemos a porcentaxe noutros sistemas literarios). Non se clarifica se o 100% deles queren vivir da escrita ou é esta unha aproximación romántica á creatividade. Iso indicaría que o 94% (supondo que a enquisa fora estatisticamente significativa) son “non profesionais” ou amadores. 

É certo que unha porcentaxe deles, como o que lles fala, prefire esta situación de complementariedade, pois permite unha maior liberdade de creación, ao non ter que aceptar encargas que non son de gusto, ou ao non ter que seguir alimentando a máquina das ventas con variacións sobre a mesma temática. Dun escritor de novelas de éxito, espérase que cada novo libro sexa unha entrega desa mesma materia (policial, histórica, ...) e non se entende que mude á novela romántica ou poesía permutante. Outros quixeran vivir da escrita e non poden. Iso é grave, pois xera frustración e fala ben mal da sociedade na que viven, resultando desdouro para un sistema cultural non telos en consideración e/ou obrigalos a procurar ocupacións alternativas. 

O tema dá para moito, o espazo menos.

Comentarios