Opinión

Primavera árabe?

Hai máis ou menos unha década acrdamos co que veu en chamarse “a primavera árabe. Semellaba que os varios países do norte de África e o leste do Mediterráneo estaban acordando dun soño post-colonial, de ditaduras de distinto signo e que os mozos reclamaban os seus dereitos democráticos.

Hoxe, todas aquelas ansias de liberdade e os aires de revolta foron acalados pola reacción máis conservadora. Hoxe anunciaba o xornal que miles de activistas arxelinos estaban confinados nas cadeas ou foran enviados ao exilio. Hai uns días producíase unha ondada de detencións dos opositores ao réxime tunecino (xuíces incluídos). Non hai moito tempo a represión era noticia en países como Turquía e mais Exipto.

Non é novo, mais as tímidas protestas en Libia deron pé a unha guerra civil e ao que hoxe é un estado na falencia, con dúas faccións confrontadas, que se reclaman como goberno lexítimo do atribulado país. En Siria estalou unha guerra fratricida, que envolveu na súa espiral de despropósitos as forzas internacionais.

Marrocos, pola súa banda, é territorio onde medra de xeito tentacular a corrupción, e por arte de desercións, influenzas sospeitosas e pecados de omisión convertiuse nunha pequena potencia imperialista rexional, coa anexión do Sahara Occidental como bandeira e xustificación da súa forza.

Xa nin falar do Libano e de Iraq, ambos os dous decimados por guerras de poder entre faccións relixiosas, ou do rexime teocrático dos Ayatolás iranianos, as masacres no Iemen ou as ditaduras tribais dos reximenes  da península arábiga, que intentan blanquear o seu estatus organizando grandes eventos deportivos ou acollendo a monarcas occidentais corruptos. 

Unha primavera árabe. Non. Un retroceso en toda regra, un asalto á razón, un niño de víboras que arboran a ponzoña da relixión como xustificación de todos os seus excesos. Todo isto para dicir que na fin triunfaron as forzas da represión e o obscurantismo e que a petendida primavera tornou nun inverno sen fin, coas olladas conxeladas e as gorxas tremelecentes, queimadas polo medo.

Comentarios