Opinión

A Cidade, espazo en disputa

Entre os dereitos en formación figura 

o dereito á cidade,

non á cidade antiga, senón á vida urbana,

á centralidade renovada, 

aos lugares de encontros e cambios,

aos ritmos de vida e empregos do tempo

que permiten o uso pleno e enteiro 

destes momentos.

[Henri Lefebvre]

 

Reclamamos o dereito a cidade. A cidade non coma un espazo de acubillo. Demandados o dereito a cidade como centro de decisión colectiva. O dereito a unha vida social e política non aillada e solitaria. O dereito a cuestionar a lexitimidade do poder descolectivizado mediante o desacato e a desobediencia civil. Esta aspiración pode ser tildada de mera entelequia, pero as loitas sociais cobran folgo máis dos desexos quiméricos compartidos que das razóns prácticas. A vella  cidade morreu, larga  vida  á nova  cidade!.Para comezar a bosquexar esa nova cidade, esa urbanidade baseada na centralidade renovada, compre aprender a apreciar a nosa cidade polo seu valor de uso, non polo seu valor de cambio. 

Na cidade vivimos dentro dunha rede de relacións que delinean os espazos onde desenvolvemos a nosa vida, satisfacemos as nosas necesidades, creamos os nosos desexos e perseguimos a nosa utopía. Cando as nosas utopías se superpoñen se preconfigura un espazo que colisiona coa utopía hexemónica que impón o valor de cambio para persistir. A superposición necesita un lugar común para desenvolverse, para ser ubicua, para convertirse nunha acción colectiva que dispute os espazos fronterizos á praxis dominante. Cando ese movemento social incipiente carece dun espazo propio e apropiado remata caendo presa da anomia social e reabsorvido dentro da utopía dominante, resultando finalmente inocuo, exánime e inerme.

Nas fronteiras entre o valor de uso e o valor de cambio están os espazos en disputa. Nese pisado territorio confróntanse os soños, soflámase o activismo e sucédense as masacres en represalia. Toda topoloxía dos movementos sociais referénciase sen excepción na divisoria en disputa. A ocupación das prazas, Tahrir, Porta do Sol, Syntagma, Zucotti Park,  transformadas en espazos de protesta, é boa mostra. Escusamos moitas derrotas tras a hetereoxenea morfoloxía dos movementos, desdeñando o condicionante da configuración do espazo como cercenador de comunidade, do deseño urbanístico como deturpador de revolucións desde os tempos do Barón Haussman. 

Os centros de decisión afananse en aparentar como non cruentos os espazos de disputa, en difuminalos ate a desubicación para englobalos na utopía hexemónica totalmente descontextualizados. Así as fronteiras espaciais entre o valor de uso e o valor de cambio son inadvertidas e os amoxonamentos asumidos como naturais, como preexistentes á cidade mesma.

O deslinde máis obvio é tamén o máis interiorizado como constitutivo da cidade. A fronteira entre a beirarrúa e a calzada denota a imposición do valor de cambio sobre o valor de uso. A centralidade da rúa está ocupada polo automóbil desposuindo á cidadanía do espazo tecedor de comunidade. Unha profusa mesnada de termitas motorizadas que  carcomen a urbanidade e todo o colmatan. A preponderancia do coche particular non é azarosa, ocupa boa parte da narrativa da utopía hexemónica. Só a continxencia dunha crise climática e sanitaria posibilitou a desputa aberta por recuperar ás rúas como valor de uso. A sociedade comeza a ver as mortes prematuras que amoxanan a fronteira que cercena as rúas e aínda así segue renuente a reconquistar o espazo. Non é doado apearse do automobil cando todo circula a un ritmo vertixinoso. A cotío a sociedade vese impelida a embolsar con impaciencia enervante todos os segundos libres para adicalos a un ocio baseado no consumismo. O valor de cambio marca o compás apurando e recortando ao máximo o tempo de transición entre producir e consumir, e baixo esta máxima configura a cidade. A cidade marcada pola utopía dominante é obrigada a supeditar os seus espazos ao fluxo entre os centros de producción e os centros de consumo. As vías e rúas son únicamente espazos herméticos de tránsito que compre atravesar o máis rápido posible para reducir custes. 

Os antigos mercados, abertos á rúa e constituidos por pequenos comerciantes locais, eran centros de decisión para a veciñanza consumidora. Dita centralidade aplanaba a diferencia entre o valor de uso e o valor de cambio das mercadurias. Agora, reducido o antigo mercado ao anecdótico, os novos macro centros comerciais, pechados á rúa e encerrados no anonimato, son santuarios do valor de cambio. Templos nos que a cidadanía a ten a falsa sensación de liberdade na escolleita entre a diversidade de cores e formas das mercadurías, pero carente de poder de decisión sobre o valor de cambio. As novas necesidades que precisamos  satisfacer reescribense unha e outra vez na utopía oficial.  A centralidade na decisión sobre o valor de cambio difícilmente se acadará sen o control popular da producción e distribución.

O valor de cambio non fai prisioneros cando expande as súas fronteiras. As árbores que poboan as rúas e parques son as primeiras que sucumben ante a reconfiguración do espazo  para mercantilizar a cidade. As nosas principais aliadas para frear o cambio climático son tratadas como meros ornamentos de quita e pon. O bosque urbano non aparece na narrativa hexemónica, no bosque reina o valor de uso.

Na utopía dominante aínda persisten nichos de valor de uso. Pese aos embates dos grandes tenedores de vivendas baleiras para que prevaleza o valor de cambio sobre o de uso, no relato oficial o uso da vivenda segue sendo un dereito. Un dereito utópico e moi remoto para os senteito, pero tan ben asentado na utopía hexemónica que os centros de poder levan tempo querendo socavalo sen éxito de momento.

A trashumancia da cidadanía a través da forza coercitiva do valor de cambio foi o mecanismo ideado polos centros de poder para soslaiar o valor de uso da vivenda. A poboación é pastoreada do casco histórico, da cidade antiga, aos suburbios ou expulsados ao extrarradio. Esta xentrificación sobredimensionouse co auxe exponencial dun turismo voraz por satisfacer o seu ocio dentro do canon da utopía dominante. A forza centrífuga desatada está esquilmando o capital simbólico colectivo do corazóns das cidades. Un patrimonio cultural xenerado polo valor de uso dos mesmos que son expulsando indiscriminadamente do espazo que habitaban. Se a expulsión é indiscriminada, non é así a reubicación. A renta, a capacidade para enfrentarse ao valor de cambio, marcará o novo destino: un suburbio de “cidade xardín” ou o “incivilizado” extrarradio.-Anatema! -clama a ortodoxia cando se declara á ciencia ficción máis aleccionadora que os incunables atesourados polo sanedrín. Westworld, agora deslavazada en teleserie, expoñía os contrapuntos entre os condicionamentos dos comportamentos da criatura e do creador. Queremos ser criaturas ou creadores na nosa cidade? A resposta queda envolta na voluta da súa interrogante. Mentres desvelan a de cadanseu, nós reclamamos o sinecismo urbano como novo alarife da nosa cidade e, performativos por necesidade, declaramos: A vella  cidade morreu, larga  vida  á nova  cidade!.





 

Comentarios