Opinión

Interpretar o incuestionábel

  Os resultados do 21-0 non admiten dúbidas. O PP reforza a súa maioría absoluta, converténdose na única forza realmente gañadora pois aumenta representación parlamentar, aínda perdendo apoios en número de votos (-170.000) e porcentaxe.

Os resultados do 21-0 non admiten dúbidas. O PP reforza a súa maioría absoluta, converténdose na única forza realmente gañadora pois aumenta representación parlamentar, aínda perdendo apoios en número de votos (-170.000) e porcentaxe. Mais iso que importancia ten nun sistema rexido por unha lei que prima maiorías?

Todas as demais forzas perden porque a partida se xogou desde o comezo, como claramente se encargaron de transmitir os inquéritos preelectorais, en dous campos ben delimitados: un, o do PP, cunha incuestionábel maioría absoluta, e outro, todos os demais, perdedores desde o inicio dado que nunca se cuestionou a inevitabilidade da maioría popular.

Tempo haberá de analizarmos o comportamento do electorado, que o mesmo se apunta a premiar o sebastianismo máis incontrolado que a castigar as políticas prácticas de defensa dos intereses sociais máis evidentes, deixando impunes as políticas máis restritivas dos dereitos sociais dos derradeiros decenios. Máxime cando no horizonte inmediato se albisca unha nova vaga de recortes, con toda probabilidade máis duros e inxustos, que baterán novamente contra das clases populares da nosa nación.

Finalmente houbo “Syriza galega” e AGE entrou na cámara cun resultado meteórico. Porén, cómpre preguntarse se co tempo non sucederá como con outras opcións pretensamente “rompedoras”, que con todo contaron co abrigo dos grandes medios de comunicación, ben pouco amigos de nada que favoreza o cambio real. Se cadra en pouco tempo o globo desincha, como o fixeron o outrora fulgurante NPA francés, do carteiro Besancenot, a Front de Gauche de Melenchon que o sucedeu, o portugués Bloco de Esquerda que co tempo foi perdendo fol, ou a xenuína grega que malia a súa espectacular proxección ficou ás portas do goberno despois de implorar o apoio ao PASOK, que este lle negou para se aliar coa dereita conservadora.

O revés electoral que vén de recibir o nacionalismo galego, no que un dos factores decisivos foi o agromar de diversas candidaturas ao fío das súas escisións, é duro mais non letal. Neste senso, cómpre non perdermos de vista o alcance estratéxico da aposta firme que o nacionalismo galego, o político mais tamén o sindical --e a sinerxía entre estes--, vén facendo nunhas coordenadas netamente transformadoras e de alternativa ao servizo da maioría social fronte as políticas da dereita españolista e neoliberal.

O resultado pode non ser alentador, mais a dificultade da tarefa non lle resta ápice de necesidade. A persistencia foi un dos trazos que definiron o nacionalismo galego contemporáneo, e garantía da súa viabilidade como expresión da autoorganización do noso pobo. Persistencia esperanzadora fronte o desastre.

As urnas falaron sen intermediarios, mais certamente condicionadas por discursos pomposos e proféticos de quen se reclama único intérprete da nosa vontade. Esa é a realidade electoral. A social, a sociolóxica, teremos catro anos para a entender.

De nada serve anoxarse con esa realidade, por máis motivo que nos dea para tal. A chave pasa pois polo repto de convertermos a sorpresa, a incomprensión ou mesmo o rexeitamento aos resultados dos comicios, nun anovado empeño transformador. Empeño, hoxe máis necesario do que onte. Indispensábel para o noso pobo.

Comentarios