Opinión

E se resulta que non hai espazo para un "acordo histórico"?

Cando escribo este artigo, as negociacións para a investidura de Pedro Sánchez están paradas. O candidato socialista á Presidencia do Goberno español fechou xa todas as roldas que necesitaba superar para renovar o cargo, excepto a última con Junts, co presidente Puigdemont. Ninguén sabe que pasará nas próximas horas e días, seguramente tampouco Puigdemont e Sánchez. Sexta feira pola mañá parecía que todo estaba encamiñado, pero as cousas complicáronse moito. Haberá que agardar e estar atentos Porén, hai algo que xa comprobamos. Que semella que non hai espazo para ese "acordo histórico" que reclamaba Puigdemont cando fixou os termos da negociación. 

Porque se hai algo que se evidenciou até agora é que o PSOE non se move das marxes dun proceso de investidura como calquera outro que se podería ter dado en calquera outro momento. Non mostra nin propón ningunha vontade de cambiar a súa actuación e a do futuro Goberno español respecto ao recoñecemento das "velhas nacións" (esta é a fórmula que usou Puigdemont) catalá, vasca e galega.

Digo isto, coa reserva da aposta pola amnistía, evidentemente. E á espera de poder ler o articulado e a exposición de motivos da lei. Porque todos estamos especulando moito sobre un texto do cal non sabemos nada en realidade e a prudencia aconsella agardar a ver a letra pequena.
Aínda máis cando nos atopamos na negociación con ERC e unha daquelas trampas que tanto lles gusta aos políticos cazatitulares. Onte a maioría dos medios, sen ler o texto dos acordos, venderon aos seus lectores que o PSOE aceptaba a transferencia dos trens de Rodalies e logo resulta que esa non é a realidade. Rodalies non se transferirá á Generalitat, que xa ten unha empresa ferroviaria, e que funciona ben. En cambio, crearase unha nova empresa co consello de administración repartido ao 50% entre o Goberno español e a Generalitat, coa Presidencia en mans da Generalitat pero co dereito de veto do Estado en canto ás decisións estratéxicas.

Se do titular á realidade vai tanta distancia nun tema como Rodalies, mellor ser prudentes en canto á amnistía.
Especialmente tendo en conta que o PSOE non cre isto que está a facer. Puigdemont propuxo a hipótese dun "acordo histórico" que cambiaría a forma de entender a relación entre as diversas nacións dentro do Estado español. Pero para o PSOE todo se circunscribe a volver a mandar en La Moncloa.

E, por iso, os relatos son incompatíbeis. Agora que xa pactaron con ERC puideron demostralo en público con comparecencias de Félix Bolaños e Salvador Illa. Na súa boca todos os acordos que se están a negociar van na liña de desactivar o independentismo catalán e derrotalo. Da vitoria do españolismo. E custa moito imaxinar como podería cambiar Puigdemont este relato tan asumido.
É unha negociación, non o esquezamos. E por tanto unha transacción. Está claro, en consecuencia, que todos deben ceder e atopar un camiño intermedio que non sexa bo para ningún dos dous pero que represente avances consistentes para ambos. Pero, é posíbel isto estando tan afastadas as posicións?

Que aínda hai marxe para un acordo de investidura é evidente que si. Que haxa marxe para un acordo de lexislatura, todo podería ser. Junts confía moito en que un negociador internacional leve a cuestión catalá a outro nivel. Pero que se dean as condicións para un "acordo histórico" cada día que pasa semella máis difícil de imaxinar. E, neste contexto, nestas condicións, vindo como viñemos de tantos anos de enganos e vaivéns por parte do Partido Socialista, a desconfianza respecto aos posíbeis beneficios dun pacto para a causa da liberdade de Catalunya é total. Ou moi, moi grande.

Comentarios