Opinión

O cruzamento do Dnipro

Máis ou menos todos estamos a empezar a coñecer un pouco a xeografía de Ucraína. E máis ou menos calquera que vise un mapa de como vai a guerra entendería que o río Dnipro marca a divisoria e non una calquera.

O Dnipro é un señor río, difícil de cruzar, ancho e tumultuoso, que na súa zona máis baixa, xunto ao mar, convértese nunha marisma complexa con pequenas illas dispersas, terreos que non sabes se son auga ou terra, con dificultades engadidas para manobrar, por tanto.

Desde que chegou o inverno a guerra quedou reducida a un combate de trincheiras, especialmente no Donbass. Moitos esforzos por avanzar catro metros e demasiados mortos para facelo. Hai unha razón. Ao sur do Dnipro prima a grande agricultura industrial, son as famosas terras negras ucraínas. Non hai case cidades e estradas maiores hai moi poucas. Calquera avance que queiran facer os ucraínos será campo a través e por tanto están obrigados a esperar que a neve e o barro desaparezan para que os vehículos non se afundan, cousa que este ano está a chegar máis tarde do que é normal.

Unidades ucraínas cruzaron o Dnipro e estabelecéronse na outra beira, no territorio conquistado por Rusia hai un ano

E é precisamente por iso que chamou tanto a atención unha pequena operación que tivo lugar nas últimas horas. Por primeira vez, unidades ucraínas cruzaron o Dnipro e estabelecéronse na outra beira, no territorio conquistado por Rusia hai un ano.

Son unidades pequenas, forzas especiais, que seguiron a ruta da ponte Antonivsk e apoderáronse de pequenas illas da outra beira, consolidando alí o que parecen uns campamentos. A manobra é contida, pero chamou moito a atención por se significa o primeiro paso da anunciada ofensiva de primavera, por se é o primeiro movemento dos moitos que podemos esperar que comecen a pasar a partir de agora.

A intención de Ucraína é clarísima e pasa por correr até Crimea e o mar, e cortar en dúas partes os territorios conquistados. Se chegasen a Crimea, e aínda máis, se fosen capaces de ocupar a cidade estratéxica de Dzhankoy –situada moi ao norte da península e que é o nó ferroviario clave e unha base aérea importantísima– entón a guerra daría un xiro grandísimo en favor seu.

A incógnita é saber, Martxelo e María, se serán capaces de facer isto e se serán capaces de facelo este verán. Porque diso depende que a guerra acabe máis ou menos rápido ou que se alongue tantos anos que acabe provocando un armisticio esgotador para os dous contendentes.

Comentarios