Opinión

A familia Comín

Esta quinta feira morreu en Flandes Maria Lluïsa Oliveres, nai do conseller e eurodeputado Toni Comín. Morreu no exilio para poder pasar así os seus últimos días co seu fillo exiliado. 

O pai de Toni Comín. Alfonso Carlos Comín, foi un gran político e sociólogo, creador do influente movemento Cristians pel Socialisme e militante desde os anos cincuenta pola democracia e a transformación social. Maria Lluïsa i Alfonso Carlos casaron o ano 1961.

En xaneiro de 1969, con ocasión do estado de excepción decretado polo franquismo, Alfonso Carlos é detido e ingresa en prisión, onde pasa cinco semanas. Sería esta a primeira das oito detencións e doce sumarios que o franquismo ía acumular contra el. En 1973 detectóuselle un cancro que acabaría coa súa vida o 23 de xullo de 1980. Tivo tempo de ser elixido deputado no Parlament nas listas do PSUC pero non de achegar á reconstrución institucional a súa gran bagaxe ideolóxica e a súa enorme capacidade persoal.

No ano 2003 o seu fillo Toni foi elixido deputado no mesmo parlamento, formando parte de Ciutadans pel Canvi, o grupo articulado por Pasqual Maragall, que se presentaba en coalición co PSC. Despois da sentenza contra o Estatut, como tantos, evoluciona cara ao independentismo e participa da man de ERC na creación de Junts pel Si e é nomeado conselleiro de Saúde do goberno presidido por Puigdemont.

O 30 de outubro da 2017 marcha ao exilio e é eurodeputado de Junts desde o 2019. Antes, en xullo de 2018, o seu irmán Pere fora morrer a Flandes para que toda a familia puidese pasar xunta os seus últimos días. Pouco despois Maria Lluïsa Oliveres, que non era só "a nai de" e "a esposa de", explicaba nunha impresionante entrevista como viviu a prisión primeiro e o exilio despois; do seu marido e do seu fillo. E desvelaba que animou Toni a exiliarse, precisamente a partir da experiencia vivida durante o franquismo.

Esta é, Martxelo e María, a historia dunha familia catalá, centrada só en tres dos seus membros, pero que ten outros máis moi destacados, como a súa irmá Betona. E a súa historia tamén é a historia do meu país, a historia da tenacidade do pobo catalán pola liberdade e a xustiza social. Doe, doe moi dentro, que os Comín teñan que pasar por isto. Pero ao mesmo tempo recoñecemos neles unha saga para a liberdade. E que son un orgullo para a nosa nación.

Comentarios