Opinión

Parabéns 'Nós Diario'

Este artigo publicarase, se non ando equivocado, o día que Nós Diario fará chegar aos quioscos o seu número mil. Así que quero aproveitar para felicitar a todos os que o fan posíbel, comezando por ti María, e a todos os lectores do xornal.

Mil números son moitos días xa. Especialmente tendo en conta as moitas dificultades que Nós Diario tivo que afrontar.

Hoxe en día en Europa hai moi pouca xente que se atreva a sacar un xornal en papel. E vós atrevédesvos. Pero nada máis saír chegou inmediatamente a pandemia –que nos causou moitos problemas a toda a prensa mundial–. E resistístela, cousa que debía ser especialmente complicado nunha redacción nova, que imaxino que aínda estaba collendo ritmo e creando rutinas. E logo aínda chegou unha nova praga coa actitude inxustificábel da Xunta da Galiza negándovos aquilo ao que tedes dereito por ser un xornal máis nos quioscos.

É evidente que non sodes un xornal máis. Ser o único diario en galego é unha honra pero tamén unha carga. Tedes unha responsabilidade moi grande para coa sociedade e para coa historia. Sei que sodes moi conscientes diso e que acabar con esta anormalidade é precisamente unha das razóns da aparición de Nós Diario, pero iso non creo que alivie o peso que seguro significa tanta responsabilidade no voso día a día.

Hai unha frase de Norman Mailer que me acompaña desde hai anos. Falando do New York Times, dixo que un gran xornal é "unha nación que fala consigo mesma".

Creo que é unha definición moi boa, porque por riba de todo un xornal é a comunidade dos seus lectores. E creo que é especialmente acertada no caso de Nós Diario porque a vosa presenza constante nos quioscos e nas redes ao final o que pon de relevo é a existencia da nación galega, dun colectivo de lectores que se sabe da nación galega, desta nación que Castelao lembrou que "se quere situar ao carón doutras culturas e en igualdade co resto dos pobos".

Castelao escribía estas palabras hai moito tempo e nun mundo moi afastado deste de hoxe, cheo de teléfonos móbiles e pendente da informática, a intelixencia artificial ou as redes sociais.

Pero precisamente por isto, hoxe Galiza necesita máis que nunca, para crecer como nación e para falarlle de ti a ti ao mundo, medios propios e de referencia, aquilo que todas as nacións do mundo teñen.

Espero que a celebración destes mil números sexa un grande impulso para o voso xornal e gustaríame que os lectores comprendesen ben a necesidade de apoialo, facéndose subscritores. Vivimos nun mundo, non só pasa iso en Galiza, onde os poderes apreman cada día máis o xornalismo con toda forma de censuras, manipulacións, presións e artimañas.

En VilaWeb hai moitos anos que entendemos que a existencia dunha comunidade de lectores forte e solidaria co proxecto xornalístico é a única garantía da continuidade e da independencia dun medio de comunicación. Se vos serve de algo, esta é a nosa experiencia. Parabéns e a polo número 2000!

Comentarios