Opinión

A unidade é patriarcal

Na cédula básica do patriarcado, que é a familia patriarcal, apréndese a regra da santidade da ¨unidade¨, e logo esa regra repítese en toda a sociedade.

Na cédula básica do patriarcado, que é a familia patriarcal, apréndese a regra da santidade da ¨unidade¨, e logo esa regra repítese en toda a sociedade.

Na familia patriarcal hai un tronco fundamental de raza e orixe formado por unha liña masculina de patriarcas que teñen superioridade absoluta e o rol de impor o que hai que pensar, sentir e facer. Ao patriarca hai que obedecelo porque el recebe o mando de figuras divinas, os patriarcas supremos que están nos ceos e desde aló mandan na terra a través dos patriarcas humanos. O papel das mulleres nesa estructura, como fillas, compañeiras e nais, é axudar a que ese mando divino-patriarcal se cumpla. A familia patriarcal non admite diferencias nen separacións e ten que funcionar ¨unida¨ ao tronco básico.

"A familia patriarcal non admite diferencias nen separacións e ten que funcionar ¨unida¨ ao tronco básico"

Cal é o resultado desta lei patriarcal que estabelece como boa a unidade e como perniciosa a separación, e que aprendemos xa desde que nacemos nas familias? Que é moi fácil asentar o mando absoluto desde o alto, e que os que se constitúen autoridades políticas, económicas ou relixiosas teñen o campo abonado para facer o que queren e manexar o mundo para proveito deles. En lugar de teren que tratar con seres humanos diversos e con direito á independencia,, tratan só con representantes, os patriarcas, que teñen a obriga de entregar á autoridade esa masa de servos e escravos, sen direitos nen voz, na que eles mandan. No patriarcado a disensión, a diferencia e a separación están prohibidas, son infracción imperdoábel. Os fillos que non obedecen e non aceitan a submisión agradecida ao patriarca son ingratos e merecen desprezo e expulsión, e as mulleres non son nada sen non cumpren o rol que lles foi marcado de axudar ao patriarca na tarefa  de entregar todo ás autoridades.

 "A unidade de España e os separatismos enfócase seguindo esa regra. Non se debate en termos políticos senon emocionais"

Esta regra que se aprende na familia patriarcal da santidade da unidade e a impiedade da separación é a que se impón na política patriarcal, que celebra as unificacións e condea as separacións. A unidade de España e os separatismos enfócase seguindo esa regra. Non se debate o asunto en termos políticos ou organizativos, senon en termos emocionais, sentimentais e de relación de pais, nais e fillos, conforme ás leis patriarcais pensadas para facer estructuras de poder doadas de manexar polas elites políticas, económicas e relixiosas.

Comentarios