Opinión

Refundación, por que xa?

A política como medio ou como fin. A acción política debe estar presidida por principios. Principios éticos e ideolóxicos que as persoas asumimos como irrenunciábeis na nosa práctica política. Ademais diso a política ten que estar ao servizo dos intereses do pobo ao que se dirixe. No caso dunha organización que ten na súa base ideolóxica o nacionalismo esa utilidade vén determinada pola capacidade para incrementar a conciencia nacional do seu pobo, contribuír ao avance na construción de espazos de soberanía e favorecer un desenvolvemento material da nación que permita que quen quixer poida vivir na súa terra. Desde a definición ideolóxica de esquerdas, avanzar na superación das desigualdades económicas e sociais, desterrar a explotación, articular un  modelo económico xusto.

Se botamos unha ollada á Galiza de hoxe, aos estragos que deixaron a crise e as políticas neoliberais coas que se castigou ao pobo, veremos o ronsel de desesperanza e frustración nas que sumiron a mozos e mozas que se ven sen futuro, traballadores e traballadoras precarizadas, familias despoxadas das súas vivendas por un sistema financeiro omnívoro. Veremos un pobo que perde autoestima e identidade até chegar á  indiferenza ante o declive da transmisión xeracional da súa lingua.

Se cadra, se miramos con atención consigamos entender que todas esas persoas non viron na nosa alternativa política ningunha solución aos problemas que tanto dano e angustia vital lles provocan. Tal vez deixamos de parecerlles útiles como organización e de aí a desconexión electoral dos últimos anos.

É doloroso, como militantes, asumir que, se cadra, este instrumento político que durante trinta anos foi imprescindíbel e referencial para milleiros de galegos e galegas hoxe xa non o é

En consecuencia, moitas voces nos teñen demandado á dirección e á militancia do BNG que analicemos as razóns da perda de apoio do pobo galego. Voces moi diferentes, tamén de votantes que xa non o son; dos e das que queren volver selo;  de votantes que nos dan unha última oportunidade. Esta demanda é máis intensa após os resultados do 20D, que máis alá de ser un accidente electoral que nos deixa sen representación nas Cortes do Estado, parece indicar que camiñamos cara á irrelevancia social e política. Un proxecto con serias dificultades para operar como elemento de transformación social e nacional do noso pobo. 

Niso andamos. Tempo teremos durante todo este mes de debates para debullar tanto causas externas como erros propios á hora de analizar e actuar sobre unha realidade galega tan cambiante.

É sen dúbida un proceso doloroso para unha organización que conta cunha militancia exemplar, entregada ao traballo político, social e á mobilización, constatar que todo ese esforzo é en balde. É doloroso, como militantes, asumir que, se cadra, este instrumento político que durante trinta anos foi imprescindíbel e referencial para milleiros de galegos e galegas hoxe xa non o é. Que cumpriu eficazmente o seu cometido e que chegou ao seu fin de ciclo. Porén esa fortaleza e convicción militante, tamén debe levarnos a non ficar no inmobilismo e si a tomar decisións audaces para construír un proxecto para o futuro. Facer verdade que “a forza do noso amor non pode ser inutel”.

É inevitábel que este proceso ten que ser anterior ás eleccións galegas e incluso en paralelo á configuración dunha alternativa electoral solvente. Se nos demoramos ninguén vai agardar por nós

Non se trata de que deixemos de ser nacionalistas. Eu non vou renunciar a ser nacionalista nin a exercer como tal. Ao contrario, acredito que máis que nunca ou tanto coma sempre, Galiza é unha nación que precisa instrumentos políticos propios. Que a crítica situación do pobo galego require máis que nunca de respostas desde si propio, desde o exercicio da súa soberanía para facer fronte ás devastadoras políticas do neoliberalismo que se impón desde o sistema. Pero creo que este repto só é posíbel se somos quen de refundarnos. De operar cun proxecto nacionalista concibido desde e para a Galiza deste momento.

Por iso asino un voto particular. Porque creo que o BNG non pode repetir receitas xa ensaiadas con pouco éxito nos últimos anos. Porque percibo que a marxe temporal que nos deu a nosa base social para tomar decisións xa non admite máis prórrogas. Porque acredito en que esa refundación, ese novo proxecto ten que contar coa concorrencia de actores internos mais tamén de actores externos, persoas nacionalistas organizados ou non, que están agardando que deamos un paso adiante. Esconder a cabeza xa non é unha alternativa.

Este novo proxecto ten que desenvolverse desde a base mesma da militancia con extremado celo por preservar a unidade dos que hoxe estamos no BNG, pero coa vontade clara de incrementar o pluralismo e contando con todas as persoas, organizadas ou non, que acrediten que Galiza precisa un proxecto nacionalista. 

Non hai un minuto que perder. Nós non escollemos o tempo no que nos toca actuar. Tampouco depende de nós o calendario electoral, por iso é inevitábel que este proceso ten que ser anterior ás eleccións galegas e incluso en paralelo á configuración dunha alternativa electoral solvente. Se nos demoramos ninguén vai agardar por nós.

Son moitas as persoas nacionalistas que está agardando do BNG, a maior e máis potente expresión do nacionalismo organizado, a que tomemos a iniciativa para ese proceso. Así que os e as militantes temos unha inmensa responsabilidade que non podemos declinar. A decisión témola nas nosas mans. Reflexionemos, debatamos, manifestémonos e actuemos. Sobre todo participemos, participemos porque é o noso dereito e a nosa obriga. Todos e todas somos corresponsábeis do futuro.

Comentarios