Opinión

O que ven os españois e o que ve o mundo

A populación española, non me atrevo a chamarlle de vez “cidadanía” pois para iso é preciso vivir nunhas condicións de vida democrática que aquí non se dan, oe e ve cada día como se ridiculiza de todas as maneiras posíbeis a figura do presidente da Generalitat deposto por Rajoy e que agora volve ser candidato oficialmente polo parlamento dos cataláns. Seique debemos facer burla do presidente dos cataláns e que o Honorable Puigdemont é un insensato, un louco e moitas cousas máis.

Mentres os medios da Corte e os que a serven propagan esa imaxe entre a populación española, o certo é que no mundo o que vai as rastras na lama é a imaxe do Reino de España, que o rei e a raíña acudan a un encontro de magnates do mundo acompañados de un individuo implicado en corrupción resúmeo todo. O relato de lindas cores que nos contaron durante décadas de que España era un país moderno, europeo e tolerante, ese traxe tan feito co que se recubriu o franquismo, está feito farrapos.

A imaxe da España hoxe é precisamente a contraria da que nos contan, o personaxe ridículo non é Puigdemont, senón o presidente do Goberno e o país chafalleiro e fracasado non é Catalunya senón o conxunto do estado. Rajoy tivo éxito en destrozar os servizos públicos e a cobertura do estado, arruinar familias e persoas, roubar riqueza para os poderosos, quitarnos libertade e garantías democráticas, avivar o franquismo latente e, no plano internacional, devolver ao mundo a imaxe dunha España franquista que canta “Cara al sol”, saúda o fascismo e manda a súa policía armada contra cidadáns indefensos. Outra volta, a valentía dun estado contra a cidadanía.

A imaxe da España hoxe é precisamente a contraria da que nos contan, o personaxe ridículo non é Puigdemont, senón o presidente do Goberno e o país chafalleiro e fracasado non é Catalunya senón o conxunto do estado

 

O que ven os espectadores do mundo non é un presidente dos cataláns exiliado facendo o ridículo, ven un país e un estado que o persegue ridículo. Porque non é só Rajoy e o seu partido, é o estado todo, con el vai a suposta oposición e as institucións do estado. España non consegue ter un proxecto democrático, como estado democrático é un fracaso.  

Comentarios