Opinión

Sesentaeoiteir@s

Por este mes de Abril conmemóranse cincuenta anos da revolta estudantil do ano 68, efectivamente un mes antes que a de París. Naquel país sinistro e afogante que era o franquismo o que ocorreu nas aulas e nas rúas de Compostela foi un espertar de vida, unha disidencia inesperada que deixou xa para quen viñese detrás sementes de liberdade, de democracia, de arelas de xustiza e de galeguismo.

O fenómeno non se pode separar do devir dunha sociedade que deixaba atrás unha longa posguerra, eran os fillos e fillas dos que viviran a guerra, a inmediata posguerra ou a padeceran. Uns anos antes dérase un fenómeno semellante nos EE.UU. e tamén foi protagonizado pola xeración posterior á que participara na guerra, cada xeración ten o seu momento e a súa tarefa. Se a dá encontrado. A xeración do 68 é certo que fixo a súa tarefa.

Naquel país sinistro e afogante que era o franquismo o que ocorreu nas aulas e nas rúas de Compostela foi un espertar de vida

 

De todos xeitos falamos dunha xeración cun perfil social perfectamente definido, eran universitarios. Isto é fillos e fillas da mediana ou pequena burguesía fundamentalmente urbana, que naquela altura eran quen estudaba carreira universitaria. Aquela experiencia xeracional e a cercanía cultural e social que fixo que tivesen camiños e profesións paralelas na vida, deu un grupo xeracional cunha cultura propia, sinais de identidade compartidos e un certo orgullo e satisfacción de pertencer a aquela xeración. Até un punto que se auto-mitificou.

Aqueles universitarios e universitarias, comprometidos uns poucos e outros a distancia, tiveron como referencia política o PCE (G), a UPG tivo o seu momento uns anos máis tarde, a partir do ano 72, ano que pariu outra xeración. Aconteceu logo de que o PCE pactase e asinase a constitución, a monarquía borbónica cos seus signos e o pacto de silencio sobre o pasado, entrando así nun marco político que acabaría por ser o seu final. A partir dos anos 80 -cando foi percibido que o PCE era inútil pois para facer o mesmo xa nacera un novo astro, o PSOE- esa xeración trasladou a súa cultura, a súa memoria e a súa identificación a González e Guerra. 

Aqueles universitarios e universitarias, comprometidos uns poucos e outros a distancia, tiveron como referencia política o PCE (G), a UPG tivo o seu momento uns anos máis tarde, a partir do ano 72, ano que pariu outra xeración

 

Dese modo foi como se conformou a xeración que reinou desde a Transición até hoxe e que agora mostra non só todos os signos de esgotamento, senón unha decadencia que non asume. As figuras que finalmente encarnaron esa cultura xeracional emanan un cheiro a cotra que asusta, cando a cerna viva da sociedad catalá se rebelou contra o réxime existente, agora fica en evidencia de que modo moita xente tomou partido polos carcereiros na vez de polos presos políticos. 

Algúns daqueles universitarios e universitarias son quen agora move as protestas polas pensións, porén unha boa parte mantense nun limbo de autosuficiencia e autosatisfacción e segue a ler as mesmas sinaturas coas que se identifica afectivamente e conserva como referentes sociais e políticos figuras e partidos, o PSOE, que están comprometidos coa situación de retroceso ao franquismo que vivimos. (Como me dicía alguén hai pouco, “¡Qué radical te veo! Pues yo sigo donde siempre, sigo leyendo El País!”). As persoas somos así, cada un conta a súa “mili” conforme nos facemos maiores, e cóstanos actualizarnos, seguir o paso do tempo. (Aquí podería eu contar doutra xeración radical, a do 72, mais iso haberá que o deixar para outro día).

O 68 santiagués abriu a veda doutros sesentaeoitos, componentes dunha riqueza que non tiveron outros, por aquí pasou Raimon a cantar en catalán e José Afonso e Luís Cilía. Sen iso non habería logo unha continuidade e houbo mozos e mozas que, no medio da alegría da celebración, tamén pagaron un prezo. Merecen respecto. Así e todo, o devir posterior daquela xeración merece tamén unha visión crítica, xa que somos tan pouco autocríticos.

Comentarios