Opinión

A Coruña, Vigo... o país

Entre a morte de Franco e aprobación da constitución vixente e, sobre todo, o golpe do 23 de febreiro houbo un ínterim do que non ficou memoria no que semellaba que a historia estaba aberta. Naquela altura era posíbel imaxinar construír un país futuro e ben pensei que A Coruña había ser a cidade que dalgún xeito conducise o país. Había nela certos elementos de civilidade e vida urbana que eran escasos no país, as camadas de funcionarios do Estado e unha certa burguesía comercial crearan pequenos espazos civís que nos habían ser moi útiles. Resultou un erro, a obcecación polo asunto da capitalidade foi aproveitado por unha secta corrupta e pailana e a cidade foi encerrada nun provincianismo que non lle permitiu exercer un liderado que o país necesitaba.

Era e mais é de admirar de Vigo o vezo humano e económico, unha cidade capaz de nacer e renacer e dunha alegría tan desordenada como infatigábel. Porén a cidade careceu sempre claramente dun proxecto de cidade e de dirección. Vigo tiña e ten ricos e empresarios mais non ten unha burguesía ou unha elite ou grupo dirixente, ten unha poboación traballadora, capaz e moi moderna mais permanece aínda encerrada nun localismo autosuficiente. A Vigo fóronlle negados os instrumentos que precisou, agora ten a universidade, e aínda está na fase de autoafirmación contra todos. É natural. Mais ese localismo que sempre houbo e que agora está inflamado como o estivo antes o localismo coruñés impide que xogue un papel no país, confórmase cunha actitude reivindicativa. Non fai política, limítase a facer sindicalismo de cidade. Non pensa o país.

Non temos cidade con capacidade para imaxinar e liderar o país galego, localismo e horizonte municipal son limitacións nosas. A vida social constrúese desde abaixo, dos barrios e aldeas, desde os concellos mais sen unha estratexia nacional mantéñense as relacións de poder vixentes. O único que cuestiona a dependencia económica, social, a colonización cultural, anemia demográfica é un proxecto nacional soberano. Fálannos de municipalismo, de federalismo…, son palabras baleiras ou enganos se non son parte dun proxecto soberano. Un proxecto que cuestione as estruturas económicas, políticas e ideolóxicas deste estado madrileñista. Un estado que expresan, manteñen e alimentan todas as organizacións estatais coas súas sucursais.  

Comentarios