Opinión

Sargadelos, como Galicia, unha noción que dorme

Como Galicia, Sargadelos é unha idea que fica adormecida. Cun pasado forte e un legado que se mantén no corazón das xentes, dilúese hoxe no correr dunha globalización que guinda por todos. Sargadelos, como Galicia, está estes días reflexionando sobre un modelo de país. 'Estado: súbditos ou cidadáns' son as xornadas promovidas pola Fundación Sargadelos e o Grupo Voar que hoxe inaugura Iván Espinosa de los Monteros, ex portavoz de Vox no Congreso.

A Galicia, igual que a Sargadelos, quérena medir pola pauta e gustos de Madrid. Con catro relatores e ningún galego, queda relegada ao último chanzo a idea primixenia do fillo dun represaliado do franquismo que, entre porcelana e azul cobalto, soubo captar e unificar a idiosincrasia e sentir dun pobo que na altura aínda se repuña das feridas dunha longa noite de pedra –como evoca maxistralmente Celso Emilio Ferreiro–.

Do mundo globalizado ao egocentrismo moderno, as novas pásannos como unha brisa morna, de tal xeito que acaba o ano e parecera (enganosamente) que non se moveran os marcos.

Retomando o debate que Sargadelos non nos propón a galegos e galegas, lembro que na Grecia clásica, de onde é nada a noción de democracia que a Revolución Francesa e Rousseau asentaron no contrato social, xorde a idea de pacto entre iguais. Homes que voluntariamente se someten a unha autoridade política que eles mesmos constitúen, dotándose de normas morais e legais que perfilan unha orde social.

A diferenza de Esparta, onde o Estado era pétreo e implacábel alimentando súbditos estoicos que mantivesen filas perante o inimigo, a Atenas de Solón apostaba pola idea de cidadán. As leis eran dos homes e para os homes. Onde, entre iguais, había capacidade para acordar, fixar e repensar.

O sabio heleno gobernou por anos e nunca incorreu na tentación de facer das súas virtudes relixión. Neste senso, Galicia, como Sargadelos, é unha nación que dorme.

Á pregunta, Estado: súbditos ou cidadáns? Só cidadáns, se se nos permite disentir. Unha posición inmobilista de quen nos goberna fainos súbditos do sistema.

Comentarios