Opinión

Preparándonos para ter unha muller presidenta da Xunta de Galicia

O vindeiro 28 de maio imos elixir concelleiros e alcaldes en tódolos concellos da Galiza.

Estas son as eleccións máis próximas á xente, pois dende os nosos concellos fanse as políticas que máis inflúen no noso día a día. Estas eleccións locais van ser o principio da consolidación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) como primeira forza política da oposición.

Despois virán as autonómicas nas que o nacionalismo político espera gobernar a Xunta de Galiza con Ana Pontón coma presidenta.

O BNG xa demostrou ser un partido de goberno cando foi vicepresidente da Xunta Anxo Quintana. O Bloque nestes momentos está mellor valorado socialmente que na época do bipartito. Desta penso que si que se conseguirá o goberno.

Se conseguimos gobernar a Galiza durante un mínimo de oito anos, poderanse facer cambios importante no noso País. Na época do bipartito non tiñamos a presidencia nin puidemos repetir lexislatura e por iso que non dou tempo a desmantelar tódolos chiringuitos que tiña e ten a Xunta do PP, nin a facer unhas políticas sociais que permaneceran dez ou doce anos sen tocarse.

Agora temos máis votos e non temos a Feijóo en Galicia, isto beneficiará o BNG para voltar ao goberno galego por segunda vez.

Unha das cousas importantes que tería que conseguir un futuro goberno do BNG na Galiza sería a atención ás persoas maiores e aos enfermos tanto en residencias coma na súa propia casa. O tema dos coidados dos maiores e enfermos ten que tomarse coma unha cuestión de xustiza social e non coma un negocio.

Quen estamos a pagar unha praza nunha residencia privada, porque non as hai públicas, sabemos que as nosas pensións non dan para elas; por iso téñense que construír residencias públicas e cada residente pagar conforme á súa economía.

As persoas que están atendidas nas súas casas polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF) precisan de máis horas para realizar as súas tarefas cotiáns e que este servizo se lles conceda cando o precisan non que teñan que esperar por el dous, tres ou catro anos despois de estar xa valoradas pola lei da dependencia.

Esperamos que este tema sexa tomado moi en serio dende un futuro goberno galego do BNG e tamén dende o sindicato CIG que ás veces, sen ánimo de enfrontarme con eles, pensan só en chave de melloras salariais aos traballadores e miran pouco o interese social que ten este tema.

Aspiramos a ter unha Galiza máis xusta para todos e isto tamén implica máis dedicación a maiores e enfermos para que poidan ter unha vida o máis capaz e independente posible. Non poñer atrancos senón facilitar axudas.

Comentarios