Opinión

Olegario Sotelo Blanco, “O neno pastor que venceu o lobo”

“Lembranzas dun galego emigrado en Catalunya”

Collo prestado como titular deste artigo o propio título do último libro que publicou Olegario Sotelo Blanco, un dos máis importantes editores independentes en lingua galega que xurdiron tras a ditadura. Libro ameno e cheo de momentos de interese para tódolos lectores.

Fálanos Olegario das súas vivencias de rapaz coma pastor de ovellas nunha casa na parroquia de Quintela de Mazaira onde naceu no 1945. Emigrou con dezasete anos a Barcelona en plena etapa do crecemento industrial franquista. Alí coñeceu a moitos emigrantes coma el e viu na sociedade catalá reflectidos os propios desafíos da Galiza en canto a nación política e cultural.

Foi por iso que comprendeu moi cedo que se quedaba a traballar de proletario nunca conseguiría avanzar nos seus desexos de participar na vida cultural da Galiza. Foi entón cando se puxo á tarefa da construción de pequenos edificios de boa calidade caracterizados polos amplos metros en cociñas e baños (pouco usual na época).

Como home adicado a múltiples tarefas tamén emitiu nunha emisora de FM da súa propiedade “Radio Juventud” en galego e castelán. Ao Molt Honorable Jordi Pujol molestábanlle esas emisións porque lle facía a competencia á Catalunya Radio. Por este motivo chegaron a pecharlle a emisora e comezou un conflito con Pujol e tamén con Caixa Catalunya, por un asunto inmobiliario.

Chegaron ata o Tribunal Supremo onde de novo venceu ao “lobo” como cando era un neno da aldea. Esta historia lémbrame moito a outra anécdota que tiven eu cando quixen emitir un programa en galego en Catalunya Radio e non puiden porque se me dixo que se se emitía en galego tamén habería que emitilo en catalán e en árabe.

Neste libro de lectura amena e entretida móstrasenos, ademais das anécdotas da súa vida nas diferentes etapas que lle tocou vivir, a súa gran honestidade e o seu compromiso como mecenas cultural galego. Fundou a editorial Sotelo Blanco para libros en galego e “Ronsel” para os escritos en castelán.

M.ª Carmen Romero, prologuista deste volume, di del que “devece pola súa terra” e “a súa visión da emigración e a súa experiencia existencial como emigrante fraguará nel unha personalidade controvertida que non sempre é ben comprendida na propia Galiza”.

Recomendo a tódalas persoas que estean interesadas polo tema de emigración galega a lectura deste libro. Para min, que non descoñezo o tema por ser fillo de emigrantes galegos en Catalunya e polo interese e estudo que puxen niso, pareceume do mellor que teño lido sobre esta maldición que padece o pobo galego dende hai séculos.

Comentarios