Opinión

Nota de apoio de SOS Sanidade a poboación palestina

Esta foi unha nota que publicou Sanidade Pública de Galicia en repulsa e condena ao xenocidio da poboación de Gaza polo Estado de Israel.

Nela comunícasenos a sociedade galega a destrución de toda a infraestrutura sanitaria de Gaza. Comezando polos hospitais, asasinato do persoal médico, falta de menciñas e peche de fronteiras impedindo o paso de todo tipo de axuda humanitaria. Unha auténtica catástrofe humanitaria.

Fálase nesta nota tamén das máis de 30 mil persoas mortas polos bombardeos sionistas, miles de cadáveres baixo os escombros e miles de feridos.

Estamos asistindo a un verdadeiro xenocidio, unha limpeza étnica en Gaza e na Cisxordania. Non só os matan os bombardeos tamén a fame e as enfermidades. Estase a utilizar a fame coma arma de guerra.

SOS Sanidade fai un chamamento a tódolos estados que apoian a Israel para que non asistan pasivamente a violación dos dereitos da poboación a unha asistencia sanitaria digna, a esixencia do cese inmediato dos ataques e a condena do Estado Sionista de Israel.

SOS Sanidade pide a mobilización e a oposición total ao xenocidio que se está a perpetrar contra a poboación de Palestina.

Eu, coma cidadán e representante de REDE (Federación de Familiares e Usuarios de Residencias) en SOS Sanidade Pública Galega vexo na nota un manifesto puro e duro contra o imperialismo do sionismo e o Estado de Israel en Gaza e Cisxordania e en toda a Palestina.

Que organizacións de base na Galiza loiten contra o imperialismo sionista é unha maneira de ver as cousas dende o punto de vista polo que tanto ten traballado o nacionalismo galego dende hai moitos anos.

Hoxe en día moita da ideoloxía nacionalista galega impregnou as asociacións e organizacións de base galega. Vamos no bo camiño para loitar pola internacionalización e a defensa do pobo palestino.

Comentarios