Opinión

Discurso de Ana Pontón ao ser escollida portavoz nacional do BNG

Ao rematar a Asemblea Nacional do BNG onde foi escollida Ana Pontón coma portavoz nacional esta fixo o seu primeiro discurso ocupando ese cargo.

Lembro que en presencia dos seus pais dixo que de moi nova, 16 anos, xa lles dixo que pensaba afiliarse á organización xuvenil Galiza Nova e o seu pai díxolle que non tiña nada en contra das súas ideas, pero que as cunetas estaban cheas de mortos. Naquela Asemblea Nacional do Bloque ben seguro que os seus pais estaban orgullosos de ver a súa filla chegar á cima de dita organización.

O comentario que o pai lle fixo á filla tiña todo o seu sentido, agora tócanos a nós baleirar as cunetas de mortos e darlles un enterro digno xunto aos seus familiares.

Esta realidade dos mortos nas cunetas e en foxas comúns vén lembrarnos a represión que exerceron a Falanxe e os seguidores de Franco contra os bos e xenerosos republicanos. Na Galiza non houbo fronte de guerra pero a represión foi brutal contra quen non comulgaba co Réxime imposto polo ditador. Este penso que é un dos motivos polos que a antiga Alianza Popular e o actual Partido Popular teñen tantos votos e así conseguiron gobernar durante tantos anos na Galiza.

Falo moitas veces cun amigo sobre este tema e sempre chegamos á conclusión de que os mozos e as mozas aprenderon a votar ao PP falando cos avós na lareira. Eu pensaba que a xeración que agora ten trinta e pico anos ía mudar o voto pero a realidade di o contrario. Moitos mozos con estudos e ben preparados academicamente seguen a votar o PP e penso que todo iso o aprenden nas casas falando cos pais e avós.

A Falanxe ía polas casas reprimindo aos que eles chamaban “rojos” e a xente colleulles tanto medo que apenas se falaba destas cousas durante a posguerra e bastantes anos despois.

Para min é un orgullo definirme coma “rojo” xa que esta palabra representa as ideas marxistas e nacionalistas que eu teño, pero nos anos 40 que un “cacique” te sinalara coma “rojo”  diante de a Falanxe ou a Garda Civil era moi perigoso.

A igrexa católica tamén foi defensora do Franquismo e fixo moito dano meténdolle o medo no corpo á xente.

Fagamos desaparecer todo este pasado apoiando a Ana Pontón para que chegue a ser a vindeira muller presidenta da Xunta da Galiza.

Comentarios