Opinión

Avanzando coa enfermidade

Como sabedes tódolos que me ledes xa vai para ano e medio que estou na Residencia Domus Vi San Lázaro recuperándome da amputación da perna dereita.

Ao darme a alta no hospital pensei que a recuperación ía a ser máis rápida e doada, pero non foi así. Ao ser diabético a curación foi moi lenta pois xurdiron unhas ulceras, as posteriores curas, novo paso por quirófano, máis curas na residencia e visitas a cirurxía vascular… Un lento proceso. Agora está o muñón preparado para unha prótese de perna. Teño a confianza de que no prazo de un mes terei unha “perna nova”.

A miña estancia na residencia aproveiteina para escribir un novo libro “Coidados de maiores e enfermos”. Xa está na imprenta e nun mes estará editado.

As cousas agora parece que van polo bo camiño, tanto na recuperación da enfermidade coma coa nova publicación.

Estou moi ilusionado coa nova vida que me espera. Quero compartilo cos meus lectores para que se aleden comigo e por min e dar a azos e esperanzas aos doentes que pasen por unha situación semellante.

A estancia en Domus Vi San Lázaro amosoume moitas caras da vida, de todo se aprende. Vin moitas enfermidades graves, incapacitantes e dexenerativas sen posible cura nin mellora. Enfermidades que anulan a persoa e lle rouban a súa calidade de vida.

Xa antes de este meu episodio de enfermidade e de coñecer a vida de algúns enfermos nas residencias ou nos seus fogares era un convencido da eutanasia. Pero esta etapa da miña vida foi o desencadeante para realizar ante notario e no Rexistro da Consellería de Sanidade da Xunta o documento de Últimas Vontades onde dou orde de que se me aplique a eutanasia, se chegado o momento me vexo con unha enfermidade dolorosa e incapacitante, coa intención de evitar o sufrimento e a dor innecesaria.

Todos temos dereito a reivindicar unha morte digna.

Comentarios