Opinión

120 Km/h velocidade máxima

O exceso de velocidade ou unha velocidade inadecuada é un dos principais factores de risco nas estradas. Un de cada cinco accidentes de tráfico con vítimas pódese relacionar co exceso da velocidade.

A 30 Km/h só o 5% dos peóns atropelados falecerá a consecuencia do accidente. A 50 Km/h falecerá un 50% e a partir dos 80 Km/h tódolos peóns atropelados falecerán a consecuencia das lesións sufridas no accidente.

Sempre pensei que se a lexislación no Estado Español non permite unha velocidade superior aos 120 Km/h, as fábricas de automóbiles terían de estaren obrigadas a que o seu produto saíse ao mercado cun limitador de velocidade incorporado, de forma que o seu uso fose de obrigado cumprimento. Así, se a Garda Civil de Tráfico ou as Policías Locais detectasen un coche ao que se lle retirou este limitador terían que sancionar ao propietario deste vehículo.

Xa hai sensores que detectan alcohol no bafo do condutor e impiden que o motor arranque, tamén hai sistemas que evitan que os pneumáticos patinen na freada. Pero aínda non se conseguiu que os automóbiles saian de fábrica cun limitador de velocidade. Por que superan os 200 Km/h cando os límites de velocidade nas estradas en Europa están entre os 70 e os 130Km/h?

Penso que se isto non se fai é por non tocar intereses económicos das grandes fábricas automobilísticas. Non é normal que un condutor poña o seu coche a 240 Km/h, pero tampouco o é que estes saian de fábrica con velocidades que fan posible eses excesos. Para correr a estas velocidades están os circuítos a onde vai a xente que gusta desta afección e a desfruta sen poñer en risco a vida de ninguén.

As fábricas automobilísticas anuncian os seus produtos poñendo de manifesto as velocidades que estes alcanzan. Relacionamos a velocidade dun coche con un certo status social.

Nas nosas estradas debería de prevalecer a seguridade para condutores e peóns por riba de todo. Tamén nos debería chamar a atención a cantidade de accidentes de tractores que se dan en persoas de avanzada idade. Que fai unha persoa de máis de 80 anos subida en un tractor?

A seguridade viaria require dunha policía especializada en tráfico que sancione a persoas e empresas da mesma maneira que se fai por consumo de estupefacientes ou alcohol.

Sei que isto que estou a dicir é impopular entre a cidadanía pero penso que sería o correcto.

Comentarios