Opinión

Dar para recibir

Usamos o termo hermético para sinalar algo segredo, reservado a poucos. O termo provén de Hermes Trismegisto, para moitos, pai da sabedoría. Os ensinos herméticos, cos seus sete principios, non son identificados como relixión nin seita, senón como escola do coñecemento atemporal viaxando polo tempo. Causa e Efecto é un deses principios: toda causa ten o seu efecto; todo efecto ten a súa causa. Todo sucede de acordo á Lei; nada escapa á Lei. Como a lei da gravidade, coñézala ou non, se tiras un obxecto ao aire, caerá polo seu propio peso. Acción-Reacción. Perdoa, serás perdoado. A expresión “a vida é un bumerán” úsase para explicar que as accións, pensamentos e sentimentos que o ser humano semente, sexan positivas ou negativas, regresan á vida do individuo, e en ocasións multiplicado. O mesmo acontece aos pobos.

Accións de superioridade militar foron as responsables de que Europa colonizase en pouco tempo un continente tan grande como África, e o factor determinante de que ese control se alongase no tempo ata a metade do século XX. Hoxe o control e a ocupación teñen outra aparencia. Durante décadas o continente africano viu como as súas minas se baleiraban e as súas árbores cortábanse para beneficio duns estranxeiros brancos que tiñan o poder da tecnoloxía. Unha superioridade tecnolóxica que en realidade era un pretexto para levar á práctica a superioridade moral que os europeos crían ter. Como antes se fixera coas cruzadas en terra santa e a cristianización de América. Tales preceptos morais carentes de ética foron asinados e aceptados na Conferencia de Berlín de 1885, onde Europa decidiu unilateralmente o futuro e o destino de África. O reparto do botín.

Europa, os europeos, non só derramamos sangue no avance polo continente africano, senón que ademais implantamos os costumes occidentais, terminando con culturas e tradicións locais milenarias. Abolimos as moedas existentes, introducimos impostos, cambiamos os modelos de comercio… Tanto as materias primas como os recursos humanos foron explotados en beneficio exclusivo da industria e do comercio de Europa.

Acción-Reacción. Quen de nós chorou polas nais que levan os seus fillos e fillas nas barcas? Preguntou o Papa Francisco en Lampedusa.

Alí, Francisco falou de “migrantes mortos no mar; daquelas embarcacións que en lugar de ser unha vía de esperanza foron unha vía de morte”. Lamentablemente, o drama da migración morta no mar continúa. Sen cesar volve á memoria o berro de Francisco: “Caemos na globalización da indiferenza. Afixémonos ao sufrimento dos demais, non nos concirne, non nos interesa, non é asunto noso. Quitóusenos a capacidade de chorar”. Francisco poñía voz ao sentir de tantos e tantas: non vemos as cruces.

A súa oración de entón foi para pedir a Deus “perdón pola indiferenza cara a tantos irmáns”, “perdón por quen nos acomodamos encerrados no noso benestar, que nos leva a anestesiar o corazón”, “perdón por aqueles que coas súas decisións a nivel mundial crearon e crean situacións que conducen a estes dramas”. Orou para que o mundo teña “a coraxe de acoller a quen busca unha vida mellor”.

A vida é un bumerán. Agora toca aos africanos chegar a Europa. E ós americanos a España. Veñen ao banco onde está depositado o seu capital. Veñen alixeirar a carga impositiva á que están sometidos por un banco que se fundou coas súas propiedades. Aceptemos: a súa cruz é a nosa cruz. A súa saúde, a súa educación e a súa fame deben ser atendidas. E aínda que non esteamos preparados para facelo individualmente, si o estamos para compartir con eles e elas os nosos servizos públicos.

Así como o can procrea cans e o voitre xera voitres, así o privado procrea privación. O público procrea repartición. O amor xera amor: fai o ben mesmo ao teu inimigo. Principio hermético que só nega quen carece de fe: os vingativos. Todas e todos ansiamos amor e acougo.

Desexamos un diluvio que lave a face da terra de tanta inmundicia tiránica, mesmo da tiranía da maioría que se autoproclama demócrata. Toca limpar o hermetismo das almas como reacción natural a tanta sucidade sementada. Lavar sen verter outro sangue que non sexa a dun mesmo; sen outra morte que a propia. Así sexa.

Comentarios