Opinión

Tempo de asumir responsabilidades

Parece ser que moita xente non entende o que se nos vén enriba nosa. E cando digo a xente, non falo daqueles que levan anos militando, nin dos que medianamente levamos anos concienciados ou comprometidos con múltiples causas; falo da xente do común, desa xente da que todos os días escoitas cousas coma “sonche todos iguais” ou “qué mais dá, se ao final van facer o que eles queiran” ou “non che vale a pena moverse, para qué”.

Parece ser que moita xente non entende o que se nos vén enriba nosa. E cando digo a xente, non falo daqueles que levan anos militando, nin dos que medianamente levamos anos concienciados ou comprometidos con múltiples causas; falo da xente do común, desa xente da que todos os días escoitas cousas coma “sonche todos iguais” ou “qué mais dá, se ao final van facer o que eles queiran” ou “non che vale a pena moverse, para qué”.

"Explicarlles que o que está en perigo é o futuro das vindeiras xeracións nun país como o noso que envellece a ritmo vertixinoso"

Eu isto o valoro como un fracaso de tod@s nós, da esquerda deste país por non sabermos chegar a eles para explicarlles e transmitir que hai alternativas, porque as hai, por non sermos capaces de explicarlles que é necesario asumir responsabilidades individuais, que tamén temos amais de dereitos (cada día menos), explicarlles que o que está en perigo é o futuro das vindeiras xeracións nun país como o noso que envellece a ritmo vertixinoso; que está en perigo a democracia e que semella ser unha palabra maldita nos últimos tempos e o mais importante : que entre tod@s podemos lograr cambios.

De nada vale convencer aos que xa están convencidos, nin facer competición para comprobar quén é mais puro ou mais de esquerdas xa que calquera cambio ou revolución non se pode facer sen primeiro escoitar e chegar á xente e ver cales son as opcións que temos. É tempo de falar alto e claro.

Revisando a prensa destas últimas semanas vexo que o BNG ven de presentar unha alternativa ao recorte de deputados do Parlamento de Galicia e que Vence parece decidido a unificar á oposición para facer forza e evitar esta desfeita que camiña cara nós con pasos de xigante. Oxalá o consiga e superemos esa terrible tendencia á desfragmentación minifundista e rectifiquemos aquilo que haxa que rectificar por parte de tod@s.

"O que non sabe a xente do común é que logo deste recorte de deputados, virán os recortes dos órganos estatutarios, léase Consello de Contas, Consello Consultivo e Valedor do Pobo, amputándose con iso o tan necesario control sobre os orzamentos e a defensa dos dereitos dos cidadáns"

Parece ser que o órgano que eliximos entre tod@s e para tod@s é para o señor Feijóo e o PP unha empresa privada, e a día de hoxe non teño claro se tamén para o PSOE. E o que non sabe a xente do común é que logo deste recorte de deputados, virán os recortes dos órganos estatutarios, léase Consello de Contas, Consello Consultivo e Valedor do Pobo, amputándose con iso o tan necesario control sobre os orzamentos e a defensa dos dereitos dos cidadáns, amparándose na duplicidade de competencias e na crise. Rueda di que non, gustaríame pensar que realmente é así, pero eu non mo creo. Teñen o mal hábito de dicir unha cousa e facer outra e con premeditación e aleivosía, preparando o camiño para realizar pouco a pouco o seu obxectivo final.

Esta tendencia marcada claramente polo proxecto político das FAES, como todos os decretos e proxectos de lei que está executando o Goberno do PP, leva consigo a destrución do mapa Autonómico a recentralización do poder, e se xa tendo (moi minimamente) competencias autonómicas fan de nós un pandeiro, non quero nin pensar qué vai ser de nós se non espertamos e nos dedicamos ao que realmente é importante, defender os nosos dereitos asumindo ás nosas responsabilidades, deixándonos de egos e personalismos que o único que fan é emporcallar mais a política e dar unha patética imaxe aos cidadáns.
Por moitas circunstancias non sei cal vai ser o meu fogar, pero eu opto por comprometerme como individuo, como cidadá, como muller co meu futuro, aquí ou alí. Non é tempo de caralladas, é tempo de rebelarse

Comentarios