Opinión

Palabras dos nosos clásicos

Como profesora de Filosofía Política e Xurídica transitei por moitas e moitos clásicos do pensamento. É unha práctica recomendábel. É reconfortante, enriquecedora. É unha práctica necesaria.

Termos como soberanía, popular, nacional teñen grande importancia na construción dunha teoría política pero, principalmente, son importantes na vida diaria das xentes, do pobo. Acheguémonos a os nosos clásicos.

Temos dous pensadores galegos entre os máis preclaros ilustrados do S. XVIII: Frei Benito Xerónimo Feixoo e Frei Martín Sarmiento, ambos os dous defensores da igualdade das mulleres.

No S. XVIII Fr. M. Sarmiento denunciaba o papel que cumprían os galegos para o poder político do momento. Estas son as súas palabras: "Non hai nación da que saian tantos rústicos para a mariña e a guerra como saen de Galicia… Son pouquísimos os de estos rústicos que sirven ao rei por mar e terra que sepan ler, escreber ou contar e así xamais pasan de Juan Soldado nin Juan Matalote".

"¿E por que é esto así? Porque non sabendo ler, escreber nen contar xamais poden aspirar a emprego algún…". Xosé Luís Pensado, o mais grande estudoso de Sarmiento, subliña que Sarmiento empeña todo o seu saber en resucitar a lingua galega como símbolo de Galicia. Mais a lingua, afirma Sarmiento, antes ten que ser dignificada porque quen dignifica a lingua dignifica o pobo que a fala. E se Galicia é quen mais tributa en homes e impostos a reis e gobernantes, con todo, "é terra para casteláns e demais españois de colonización como la América(1)". Esta é unha realidade do S. XVIII. É a denuncia clara e lúcida de Fr. M. Sarmiento.

Mais, continuemos cos nosos clásicos. 

Escoitemos a Castelao en 'Alba de Gloria', escrita co gallo do Día de Galicia, o 25 de xullo de 1948 no exilio arxentino, pronunciando o discurso polo Centro Galego no Teatro Arxentino de Bos Aires: " Vemos xurdir do humus da terra-nai, saturada de cinzas humáns, unha moitedume infinida de luciñas, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que xuntos forman o subtractum insobornabel da nosa patria… Eles, as ánimas sen nome –crearon o idioma, a cultura, a arte, a sabiduría, os usos e costumes; enfin o feito diferencial de Galiza. Esas luciñas son o pobo... son a enerxía coleitiva... a espranza celta... esas luciñas representan o que fomos, o que somos e o que seremos sempre". Mais alá da beleza literaria do texto, define con estas palabras Castelao aquelo que representa a nación galega e a súa íntima identidade co pobo, coas xentes innominadas. Este é o noso concepto do popular e de nación. 

Outro dos nosos clásicos, Bautista Álvarez, desde a súa elocuencia esclarecedora fálanos da soberanía e da autodeterminación. Sostén Bautista: "Hai que entender a autodeterminación como o dereito dos pobos a dotarse de institucións proprias acordes coa súa identidade nacional". "Se ninguén nos vai discutir formalmente o dereito de sermos como somos, pois estaría pondo en cuestión as liberdades individuais, tampouco nos pode negar plenas competencias para dotarnos das institucións que xulguemos máis acaídas a nosa identidade". "Rexeitar o seu exercicio significa atentar contra a esencia máxima dos principios democráticos". "O dereito de autodeterminación implica o recoñecemento da soberanía nacional. Sen homes libres non existe liberdade pois falta a condición esencial para actuar libremente". "Autodeterminación ten un sentido dinámico entendida como proceso de liberdade de construción das bases para a emancipación do pobo". "Defender o dereito de autoderminación é construílo… e facémolo cando impulsamos en todos os niveis organizacións nacionais e soberanas". 

Estes textos describen a situación de Galiza como nación sometida a unha realidade social, económica, política e cultural allea. A explotación sen ningún tipo de compensación da nosa terra, do noso mar, da nosa enerxía limpa, dos nosos recursos financeiros, das nosas xentes; hoxe incluso mozos e mozas estudadas e con brillantes expedientes que teñen que emigrar por falta de traballo na súa terra sitúannos entre as nacións colonizadas polo gran capital estranxeiro .

(1) Sarmiento, Fr. M. Col. Dávila, XIII, Ms. 20.390, Fols. 136 v. 137v. E seguintes. Obra de Seiscientos Sesenta Pliegos, Tomo primero, Vol. I, núm. 329- 336.

Comentarios