Opinión

Palabras a desterrar

Atención!

Non perdamos a capacidade de asombro e a capacidade de indignación coa inxustiza, co xenocidio, coa xenofobia contra os inmigrantes tratados como delincuentes, co falso desenvolvemento, disfrazado de sostibilidade e de economía circular. Non perdamos a capacidade de distinguir vítimas de verdugos. 

As eleccións europeas son un reto para enfrontarnos ás políticas antidemocráticas protagonizadas por Vox e polo Partido Popular, hoxe parte da internacional fascista, exemplos Milei e Trump, perigo real para a paz mundial. O cansazo e o aburrimento democrático causado polo cinismo e falsidade das políticas chamadas hipocritamente democráticas conducen a unha resposta de conformidade e pasotismo da cidadanía e lévannos ao protagonismo destas dereitas e ultradereitas que empregan políticas de grandes xestos, teatrais, rachando coa inacción e o aburrimento. 

Feixoo chama á moderación e Rueda continuamente ao "sentidiño". Hai xente que vive o que ten que vivir mecanicamente, sen se facer preguntas, contemplando a TVG, lendo xornais comprados con paxinas completas a favor das políticas do "sentidiño", que os grandes capitais impoñen espoliando e destruíndo a riqueza natural e desenvolvida por empresas galegas e polas nosas clases populares. 

Páxinas completas de xornais dedicadas a cantar os grandes beneficios de industrias non contaminantes (?), sostíbeis como a fábrica de lyocell na Ulloa ou de "economía circular" (?) como a de biomasa de Ence. Políticas industriais de enclave defendidas polo PP. 

As mulleres do nacionalismo popular galego como Ana Pontón e Ana Miranda saben espertar a conciencia dos e das galegas. 
O entusiasmo e as políticas de raíz, radicais, nacidas da realidade e das necesidades da nación galega son as que alentan, acordan e desentumecen a cidadanía galega. É a política que xorde da realidade, da terra, do que parece pequeno, mais é auténtico, primixenio. É a política que pode cambiar unha realidade de mentiras e odio. Galiza é moeda de cambio para os seus negocios con moito, moito "sentidiño a la madrileña" (Lois Diéguez).

Compañeiras, compañeiros, desterremos da nosa fala as palabras "sentidiño", de Rueda, e "moderación", de Feixoo.

Comentarios