Opinión

Unha opinión premonitoria?

H ai moitos anos coincidimos nun avión o estimado e admirado Antón Seoane máis eu. El, psiquiatra e músico, fundador xunto con Rodrigo Romaní, o gaiteiro Agustín Maroñas, Emilio Cao… do Movemento Popular da Canción Galega (MPCG), partindo da música popular, sempre viva, internacionalizárona relacionándoa coas músicas do mundo celta. Sumábase Antón ese día á presentación de Milladoiro en Madrid, despois de traballar, porque os seus compañeiros xa estaban alá. Durante a viaxe, falamos da terra, da situación da Galiza e díxome unhas palabras que naquel tempo parecéronme unha visión pesimista do futuro da nosa terra. Dixo: "Queren converter a Galiza nunha reserva natural, no finis-terrae para o turismo, e aos galegos e ás galegas nos indios da reserva". Hoxe, falan de "Bestas" e da "Galiza profunda". O PP quere unha nova Lei de costas, teoricamente coa exixencia de ordenar as zonas marítimas, e vai convertelas nun "nicho de negocio turístico", alimentando un turismo de consumo gastronómico e pintoresco, ao mesmo tempo salvaxe e natural.

Vemos hoxe os plans que parecen ter sobre a nosa terra o PP, PSOE e Unión Europea. Plans que non contemplan desenvolver a súa riqueza natural para industrializala. Para crear unha sociedade que poida atender as necesidades de tres millóns de persoas. Galiza é unha terra e un mar a ser espoliados e a non respectar nin desenvolver as súas potencialidades. Acúsannos aos nacionalistas de vitimizar a situación. Quero que nos expliquen que significa a destrución da industria, especialmente a naval, a eucaliptización dos nosos montes, a destrución dos caladoiros que dan de comer a tantas xentes e crean riqueza sostíbel, e que destruirá as nosas vilas mariñeiras. Entregan ao capital monopolista as nosas costas, os nosos montes, o noso ar. Sen compensación para tanta afectación.

Xa nos advirten os portugueses que onde está a eólica mariña non hai peixes e desde o concello de Muras infórmannos: "Só hai catro postos de traballo", onde existe a maior concentración da eólica terrestre.

Podemos chamar a isto explotación colonial?

O meu amigo Antón facía unha certeira análise e advertencia. Tócanos a nós loitar para que esta premonición non se cumpra.

Comentarios