Opinión

Españolizar as eleccións galegas

A fin de semana pasada foi esclarecedora. Por unha parte, houbo un desembarco dos partidos estatais, trasladando as súas liortas a Galiza. Por outra, estivo a forza do pobo manifestándose por miles en Compostela na defensa do mar e dos seus traballadores e traballadoras: mariñeiros, mariscadoras, traballadores da industria conserveira, das depuradoras, dos servizos da hostalería. Un tecido social que vive e depende do mar na nosa terra. Así como expresando en Vigo e mais lugares a nosa solidariedade co pobo palestino, contra o seu exterminio polos imperialistas sionistas de Israel. Mostras da dignidade do pobo galego.

Para os partidos españois –PP, PSOE, Sumar, Podemos– pouco importa a situación de emerxencia que está a sufrir Galiza. Por primeira vez, e foi a 26ª reunión interparlamentaria, o PP, diante das eleccións autonómicas, concentrou en Ourense deputados, senadores, parlamentarios autonómicos e eurodeputados para definir a súa política: contra Sánchez e amnistía, contra a lexitimidade do Congreso e do Tribunal Constitucional. De paso, Rueda, pusilánime, asinte a política de Feixoo: superar a Vox. Galiza non existe. O PSOE sitúase na antítese de Feixoo dende a perspectiva española, chama ao progresismo na concentración de ministros na Coruña para apoiar a Besteiro, incluíndoo no Comité Federal, e protagonizar unha campaña dende a política do Goberno de Madrid.

Nesta ocasión as eleccións galegas serán utilizadas dende o españolismo como un test da súa influencia política no Estado. Nada da falta de atención e defensa do mar. Nada da explotación colonial das eléctricas no monte, nin contra a programación da eólica mariña. Nada da necesidade de reindustrialización dos nosos ricos sectores primarios. Nada da protección das costas galegas contra un transporte mariño no que a UE controla un 40%. Nada do futuro da sanidade, do ensino, dos servizos sociais públicos e do non á privatización. Nada sobre a protección da cultura e da lingua galega. Galiza non é a protagonista.

As eleccións do 18-F son para Galiza importantísimas eleccións nas que podemos cambiar o futuro mais próximo, votando a candidatura de quen traballa día a día pola soberanía da nación galega.

Comentarios