Opinión

Consideracións entorno a autonomía e soberanismo

O 28 de xuño de 1936 aprobouse o Estatuto de autonomía de Galiza. No 75 aniversario do plebiscito xorden algunhas dúbidas sobre autonomía e soberanismo. O Estatuto do 36 aprobouse nun referendo “rexional”, para a República había “rexións”. O texto aprobado na asemblea de municipios galegos en 1932. Os nacionalistas galegos aceptaron a autonomía como un proceso cara á autodeterminación a causa da dependencia nacional. O texto foi aceptado a trámite polas Cortes españolas en febreiro de 1938. Non entrou en vigor pola guerra civil. O marco xurídico falaba de descentralización administrativa “para las regiones”. Mais tivo a virtualidade de que a constitución española (CE) do 78 asumiu a vontade de “autoorganización” do pobo galego. Serviu para que a CE do 78 vira que Galiza, Euskadi e Cataluña eran nacións históricas e había que lles dar unha saída institucional. A saída foron os estatutos de autonomía. Nada que ver coa autodeterminación e soberanía. Soberano é poder decidir e se autodetermina quen é dono do seu destino e institucións. A Asamblea de Galiza do 36 carecía de facultades institucionais. Era unha concesión republicana que os nacionalistas aceptaron como opción positiva do momento histórico. Non hai estatutos progresistas para as nacións sen Estado, porque son sempre concesións do Estado unitario central e no caso de Galiza, ademais imperialista polas relacións de colonialismo económico, político e cultural que sofre. O Estatuto do 36 foi plebiscitado afirmativamente co 74,56% do apoio. O Estatuto do 81 tivo unha ridícula participación, unha abstención do 73,8% votou un 28,27% do electorado.

A autonomía non resolve o problema estrutural de dependencia que ten a nosa terra. A espoliación do neocapitalismo, dun empresariado e unha banca apoiados por políticos como Feixoo continúa. O PP, despois de 14 anos gobernando Galiza sen exixir ningunha competencia, acorda agora “xestionar a nosa costa”, cunha nova Lei do Litoral porque necesita inzar a costa coa eólica mariña e converter o litoral nun “parque turístico”, continuar Ence…
Non esquezamos. O espolio á Galiza é o espolio das clases populares que o sufriron secularmente.

Comentarios