Opinión

Unha boa lección de demagoxia

As eleccións do 12-X deixáronnos un claro exemplo do que é un comportamento político demagóxico. Hai moitos séculos que os gregos nos ensinaron que o perigo dos gobernos democráticos son os demagogos. Demagoxia é un termo grego composto de demos, pobo, e ago, dirixir, manipular. A retórica era o seu instrumento de control social e político. Os gregos advirten que a falta de escrúpulos dos demagogos leva á destrución das democracias, para Aristoteles era “a corrupción da democracia”. No noso tempo a retórica podemos identificala cos medios de comunicación. O poder da palabra se se controlan e dominan estes medios, televisión, radio, redes sociais, é garantía de triunfo. Hoxe, no caso de Galiza, cun electorado en situación crítica polas ameazas económicas e sociais que a Covid-19 xerou, o comportamento político era facilmente previsible. Demagoxia é fomentar a desinformación, os prexuízos, as emocións prometendo melloras sociais e económicas que non van ser cumpridas, porque os mandatos de Núñez Feijóo foron unha mostra inequívoca das políticas antisociais e favorecedoras dos grandes capitais, en ocasións até dos corruptos. Foron unhas eleccións onde Núñez Feijóo se presentou coma un “líder carismático” (Suso de Toro), salvador da Galiza fronte ao “diluvio universal” que sucedería se gañasen outros partidos, principalmente o BNG. Opúxose a debater nos medios públicos e privados a súa política, salvo nunha ocasión que montou un escenario teatral con todos os partidos que se presentaban ás eleccións aínda que non tiveran representación no parlamento galego (para demócrata él, Núñez Feijoo). A súa política ten situada a Galiza na precariedade económica e na emerxencia social. Iniciou a campaña, campaña minuciosamente deseñada, ocultando as siglas do seu partido PP, fixo presenza continua na TVG para sinalar os erros que o Goberno central cometía, mais non para resolver os problemas de falta de medios da sanidade galega. Unha vez gañadas as eleccións, o presidente en funcións Núñez Feijóo premia os profesionais da sanidade galega que estiveron na primeira liña contra a Covid-19 coa Medalla de Ouro da Galiza 2020, cun bono de 250 euros para desfrutar na restauración e pequenas prevendas (bono que os profesionais rexeitaron), ao mesmo tempo que anuncia recortes na sanidade pública como o peche dunha das plantas de pediatría do H. Cunqueiro de Vigo, o fechamento dunha planta no hospital de Conxo, ou a supresión da ambulancia medicalizada do Salnés, négase a restaurar o servizo de pediatría nos Centro de Saúde. As promesas incumpridas de Núñez Feijóo, gañadas as eleccións, danse non só na sanidade onde a Atención Primaria, base do control da expansión da Covid-19, acumula listaxes de agarda, acusando a súa falta de persoal e medios, con ratios excesivas de pacientes por facultativas, “é preciso cubrir as prazas de enfermaría e medicina de familia” reclaman os sindicatos. Na educación o protocolo da Xunta non contempla reforzar o persoal docente e non docente dos centros, nin a diminución de alumnado por aula. Familias, profesorado e sindicatos reclaman á Consellaría de Educación un protocolo acorde coas medidas anticovid-19 que contemple a recuperación educativa do curso 19/20 así como prever as necesidades tecnolóxicas para un posible confinamento, que financie a limpeza extraordinaria dos centros públicos de ensino, pois nin educación nin sanidade son competencia dos concellos, porque o protocolo da Xunta responsabiliza as Anpas, o profesorado e os concellos do funcionamento nestas circunstancias. Outra das grandes promesas incumpridas é a relativa ao sector industrial que ultimamente está a pasar a peor das situacións dos anos do seu mandato. As razóns son varias, por un lado a Xunta non exerce as competencias que lle corresponden e, por outro, tomou decisións erradas nos investimentos feitos desde Xesgalicia. Nestes momentos perigan Alcoa, Ferrolatlántica, Alú Ibérica, As Ponte, Meirama, industria que mostran traxicamente o fracaso da política industrial de Núñez Feijóo.

Estas eleccións foron unha lección da política ao servizo das ambicións persoais de Feijoo. Un “presidente que veu de Madrid” da man de Aznar e que se vestiu de galeguista.

Comentarios