Opinión

Votar pola "Galicia destroyer"

“A Galicia que funciona”. Unha frase que resume unha filosofía política toda. Implica, por un lado, o engano histórico que tan ben manexa o partido de Albor, Fraga e Feijóo e, por outro, coloca nos demais partidos o estigma da parálise e a inoperancia. Ese engano histórico, que Francisco Carballo sinalaba como principal obstáculo a vencer para avanzar como nación, referéndase en cada cita electoral que o PP gaña, dopado por un sistema de reparto de escanos que puido ter sentido hai catro décadas pero que, hoxe, coa actual distribución provincial da poboación e do censo de votantes, constitúe a mellor garantía de inmobilismo político e, a un tempo, de perversión da democracia.

Mais, alén das circunstancias e das trampas sistémicas e centrándonos nesa “Galicia que funciona”, un síntese na obriga, para coidado da súa saúde mental, de facer catro comentarios a ese concepto de “funcionamento” desde a perspectiva ambiental. Vaia por diante a sensación compartida por especialistas en economía ecolóxica que tentaron definir a política ambiental dos sucesivos gobernos do PP, que coincidirían na comparación de algo así como abeirarse a un grande furado polo que se precipita e desbarata unha inxente cantidade de recursos e potencialidades, sen que o país perciba beneficios ou compensacións que contribúan a tira-lo da dependencia.

“A Galicia que funciona” é esa que en case 40 anos conseguiu converter a beiramar e boa parte do interior do país nun inmenso ermo verde funesto de eucaliptos, para desbarato dos recursos dos montes e beneficio dunha multinacional infiltrada de amigotes. A mesma multinacional que envía os lodos das súas depuradoras a ese enorme burato que hai en Touro, onde coa escusa da restauración da mina, se aplican en noiros e entullos centos de toneladas de porcaría denominada “tecnosolos”, cuxos lixiviados orgánicos van dar ao Ulla e desde este á Ría de Arousa.

“A Galicia que funciona” é esa que, non lle chegando cunha celulosa, quere instalar outra nin máis nin menos que na frondosa Ulloa (Altri), ocupando case 4 km2 de monte e bosque cun polígono industrial, captando anualmente millóns de metros cúbicos de auga que devolver contaminada ao Ulla e impulsando un plan forestal propio que virará a comarca nun monótono e inmenso eucaliptal.

“A Galicia que funciona” é a que permite operar empresas mineiras sen a máis mínima garantía ambiental, provocando a polución por metais pesados de ríos e regos da contorna, afectando as casas da viciñanza e a saúde desta. Aí están os casos das minas de San Fins e Penouta ou a canteira de dunita de Landoi, responsábel da enorme contaminación por metais pesados da Ría de Ortigueira. Extractivismo colonial, sen deixar valor engadido, cunha aportación socio-laboral ben cativa e un pasivo ambiental que ficará para as xeracións futuras.

“A Galicia que funciona” foi a que converteu os montes galegos nos últimos 25 anos nun inmenso polígono de tarabelas e a que, sen rubor, aprobou 75 novos proxectos eólicos, sen importarlle a saturación dramática das nosas paisaxes. A mesma “Galicia” que sementou de minicentrais hidroeléctricas os ríos da bacía “Galicia-Costa”, a pesar do tráxico impacto que esta enerxía tivo no país coa construción de enormes presas no Miño, no Sil, no Tambre, no Ulla ou no Xallas.

“A Galicia que funciona” foi esa que optou por un sistema de xestión de residuos edificado sobre a incineración e a emisión de miles de toneladas de contaminantes atmosféricos, desprezando a recollida selectiva, a re-utilización e a reciclaxe.

“A Galicia que funciona” é a que despreza a diversificación de producións e o reforzamento económico do medio rural a través de políticas transversais que mobilicen recursos económicos para reorientar as vidas de miles de galegos e galegas que sosteñen identidade, territorio e paisaxe. A mesma “Galicia” que os condena a unha vida limitada en servizos, atencións a dependentes, comunicacións, educación e cultura. A “Galicia que funciona” quere un rural miserento, dependente e servil, exportador de man de obra moza e obxectivo número 1 para o seu baleirado e explotación. Por iso, o progreso do rural debe ser administrado en contadas pingas, non vaia ser que se desenvolva e se “independice” do sistema clientelar.

Esa “Galicia que funciona”, en materia ambiental, concrétase en dúas persoas que son a perfecta metáfora do avestruz que enterra a cabeza para non mirar. Unha, a Directora Xeral de Patrimonio Natural da Consellaría de Medio Ambiente, que enxerga a chaira intermareal cargada de metais pesados da Ría de Ortigueira desde o seu chalete-segunda residencia de Figueiroa (Cariño) e, case na mesma panorámica, a canteira de dunita explotada por Pasek Minerales, responsábel desa polución e recoñecida pola “Galicia que funciona” co Premio Galicia de Innovación e Deseño 20231. A outra, a súa xefa, a Conselleira de Medio Ambiente, que sen rubor pasa de negar e desprezar a relevancia dunha máis que potencial ameaza plástica na beiramar, a fachendear orgullosa dunha reacción serodia e insuficiente, a remolque da opinión pública.

Esa “Galicia que funciona” é unha pita sen cabeza, que corre desorientada cara ningures e que, unha vez fenecida, será desplumada e servida para consumo da caste imperial que sobrevive enriquecida, instalada na colonización e o sometemento dunha periferia que despreza. Por iso, o Partido Popular actúa debilitando, empobrecendo, intoxicando ese vizoso organismo colectivo que era, e é aínda, a nación galega. O obxectivo non é outro que converter a nosa terra nun predio libre de atrancos para vampirizar os recursos, nunha íntima simbiose entre o colectivo local de “arneiróns” clientelares e caciquís e ese conglomerado político-empresarial da capital española ao que pertencía boa parte da cuadrilla condenada por suborno (activo e pasivo), falsidade en documento mercantil, malversación de caudais públicos, prevaricación, asociación ilícita, fraude á administración pública, branqueo de capitais, delitos contra a facenda pública, tráfico de influencias, apropiación indebida, exaccións  ilegais, etc., etc..

A alternativa para sobrevivir pasa por construír a Galiza sen complexos, dona do seu destino e dos seus recursos, capaz de integrar progreso e sustentabilidade e de ofrecer un mundo e unha vida mellores a quen a habitamos orgullosos de nacencia ou de vivencia. O 18 de febreiro temos a oportunidade de avanzar nese camiño.

Comentarios