Opinión

Votar pola sanidade

A enquisa do CIS sobre as eleccións galegas constata que a segunda principal preocupación da cidadanía é a sanidade. Non é para menos: cando levas anos sufrindo listas de agarda, aumento da espera para unha simple consulta en Atención Primaria ou falta de pediatras, pouco che importa que a Rueda "lle guste a froita" ou que che diga non sei que da amnistía.

A realidade é que os principais problemas que o pobo galego identifica no seu día a día son o paro, o deterioro da sanidade pública, as cuestións económicas ou o propio Goberno galego. Vivimos nun país que se vende coma unha "illa de estabilidade" pero é dos lugares con meirandes conflitos laborais e sociais do Estado. En canto á sanidade, foi en Galiza onde se avanzou dende o primeiro Goberno Feijóo na privatización de servizos, co hospital de Vigo como bandeira da "colaboración público-privada" do que supón usar fondos públicos (moitos máis dos necesarios que se fose de construción pública) para os negocios. É que o Goberno galego é, fundamentalmente, unha axencia de negocios, dende o sistema de benestar social (o que máis recorre a concertos do Estado na atención á dependencia) á sanidade, onde todo pasa por maximizar beneficios (privados). A centralización sanitaria en áreas provinciais, quitando capacidade de xestión e contratación aos hospitais comarcais, lévaos ao baleirado de especialidades e provoca que sexa máis sinxela a contratación de servizos en bloque, como as cafetarías ou compras de material, cuestión pensada non para eficiencia dos cartos públicos, senón para favorecemento de grandes empresas. Asemade, o deterioro da Atención Primaria ou a falta de desenvolvemento do Plan de Saúde Mental provoca un aumento da demanda da atención na sanidade privada e medran as patoloxías crónicas.

A realidade non admite maquillaxe, como revela o CIS, que tamén identifica un desexo maioritario de cambio de Goberno: só cómpre unir a liña de puntos e votar pola defensa da sanidade.

Comentarios