Opinión

TVG e pellets

A CRTVG volveu facelo. É difícil imaxinar que o nivel de manipulación e desvergoña dos informativos da CRTVG poida superarse, mais estes sorprenden a cada novo revés ou problema que atope o Goberno galego.

O pasado día de Reis informaba a TVG, con imaxes da praia de Muros, de que "persoal da Xunta segue a retirar pellets de plástico nos areais galegos". Diversas testemuñas sinalan que os traballadores que saíron no vídeo estiveron limpando estritamente o tempo que duraron as tomas de cámara. Asemade, a nova destaca que "continúan" a limpar, cando esta vertedura de plásticos hai máis dun mes non provocou que a Xunta activara as medidas oportunas e só se reaccionou ante a presión social estes días.

Na peza informativa inclúense declaracións de Ana Pontón e apúntase a versión da Delegación do Goberno central pero, como é habitual, a principal voz e os tempos lévaos a versión da Xunta. Tamén –marca da casa que non sorprende– a información sobre o problema dos pellets no Telexornal Serán deixouse para o minuto 31 do informativo, xa cara ao remate, tal e como denuncia o colectivo Defende a Galega, nun proceder habitual que soe resaltar novas de política estatal que benefician o PP antes que eventos ou circunstancias de especial interese informativo para a cidadanía galega.

Así, a marea plástica dos pellets pon en evidencia a marea de manipulación dos medios públicos galegos, un patrimonio común do pobo que debe ser rescatado para servir os fins que motivaron a súa creación. Van trece anos de incumprimentos da Lei de Medios Públicos, sen que se creara o Consello de Informativos como garante de información independente, plural e veraz á cidadanía ou cun Director Xeral co mandato caducado e prorrogado, no cargo dende 2009.

Urxe a mudanza no Goberno Galego para, entre outras cousas, levantar o secuestro partidista da CRTVG e pór os seus medios, persoal e potencial ao servizo da cidadanía, como un dos elementos fundamentais nunha democracia, como medio público que é.

Comentarios