Opinión

Será a primavera?

Coincide o agromar da primavera coa relaxación das restricións pandémicas; coincide unha caloriña estival coas primeiras macrofestas poscovid e as boas expectativas vense desbordadas a nivel de afluencia. Será a primavera que amortece algo os efectos da inflación?

A hostalería e sector turístico do país, en xeral, nota que a Semana Santa achegará uns excelentes datos de ocupación, con zonas de cheo absoluto, aínda que apuntan algunhas voces que se gasta menos.

É tan agradable poder saír de novo ás rúas con calor como tráxico que teñamos temperaturas primaverais propias do verán namentres, tras a Covid é a primavera o momento de explosión das infeccións respiratorias na idade pediátrica.

Son paradoxos do mundo en 2022.

É tamén en primavera cando Amnistía Internacional presenta o seu informe anual sobre a situación dos Dereitos Humanos no mundo, presidido –a actualidade manda– polos crimes de guerra do exército ruso en Ucraína, alén dos puntos críticos de Afganistán, Iemen ou Palestina; mais que esboza tendencias de fondo, cunha idea central: a crise da Covid-19 non nos fixo "saír mellores".

Acentuáronse as desigualdades sociais intrarrexionais e internacionais, cunha brutal diferencia de taxas de vacinación entre os estados ricos e o mundo empobrecido, por connivencia entre as grandes potencias e as farmacéuticas ao non aceptar a excepción temporal de dereitos de propiedade intelectual das patentes das vacinas e nin sequera actuar dentro do mecanismo COVAX para doar achegas suficientes de vacinas aos estados máis pobres. Esta situación prolonga a pandemia e o sufrimento, pese a que na nosa primavera norteña teñamos a percepción de que deixamos atrás o virus.

Tamén sinala AI como fracasos de 2021 a escasa ambición da Conferencia da ONU sobre o cambio climático e o aumento do racismo; e como esperanza, a organización da sociedade civil.

Será esta primavera que nos volve achegar fisicamente a impulsora de movementos pola paz e a defensa dos dereitos humanos?

Comentarios