Opinión

O que queda

Temos unhas botellas gardadas na adega que son de augardente de herbas de hai máis de tres décadas, da última potada que fixo o pai do Alfonso, o ano no que enfermou e morreu, gardadas cal tesouro vido da zona de Pontevedra, que era onde moitos dos alambiqueiros de Sober tiñan “o partido”. Se os perfumes son un signo de distinción en case todas as épocas –no Antigo Exipto estaban mesmo relacionadas cos ritos funerarios e a divindade–, as esencias que herdamos nas clases populares galegas teñen moito que ver coa gastronomía e os ritos colectivos de festividades. 

Da miña avoa paterna –que tamén faleceu a mediados dos noventa– lembro case exactamente o sabor da manteiga feita na mazadoira e o gusto da “vixiga” –tradicional doce a base de pan, ovos, azucre e leite, a xeito de pudding– que, evidentemente, ninguén nunca soubo facer coma ela. De feito, a miña outra avoa, a Pilar, que ronda a centuria vivida, non sabe como explicar o sabor exquisito dun prato que a súa propia avoa elaboraba metendo esta mesma preparación, a “vixiga”, dentro dun pemento baleirado e facendo todo ao forno.

Resultaría curiosa esa presenza de elaboracións culinarias sofisticadas nas cociñas populares da Galiza rural da primeira metade do século XX se descoñecéramos o intercambio cultural vía emigración. Así, a señora Estrella trouxo a Proendos nos anos vinte do século pasado as maneiras que aprendeu cociñando para a alta sociedade bonaerense e preparáballes ñoquis aos fillos.

Son os sabores o equivalente popular ao luxo sofisticado da perfumería chic? Non teño tempo este Nadal de ler innúmeras propostas de antropoloxía culinaria, pero si para cociñar e comer coa miña xente, lembrando o fío que nos anoa ás que nos precederon. Un fío, por desgraza, adobiado con fame noutrora, enfermidades cardiovasculares agora, que nos lembra que é o que queda e o que importa. Boas festas, xentes lectoras de Nós Diario!

Comentarios